O PP de Culleredo pide que o autobús municipal chegue ata Souto e critica o abandono do Plan de Mobilidade Urbana

ACoruñaXa
Os populares piden ampliar a liña de autobús ata Souto e acusan ao goberno local de desatender as necesidades de mobilidade rural
Imaxe dunha marquesiña en Culleredo
24 Ago 2024

O Partido Popular de Culleredo solicitará no próximo pleno que o autobús municipal, que conecta as zonas rurais coas urbanas, amplíe o seu percorrido ata Souto, na parroquia de Orro. Esta proposta responde a unha demanda veciñal de longa data e permitiría reducir significativamente o tempo que os veciños empregan en desprazarse a lugares como O Burgo, Vilaboa ou Fonteculler, segundo indicou a líder do PP local, Izaskun García.

Os populares subliñan que a ampliación da liña de autobús apenas implicaría un desvío de pouco máis de 3 quilómetros desde a parada de Orro Ponte ata Souto, un traxecto que non suporía un retraso significativo para o autobús, pero que si aliviaría notablemente o esforzo dos veciños que deben facelo a pé para acceder ao transporte municipal.

Ademais, o PP critica que o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Culleredo, elaborado en 2021, permanece abandonado e sen que se executase ningunha das accións de mellora da mobilidade que recolle. “Este plan xa sinalaba a necesidade de mellorar o servizo de autobús nas zonas rurais, pero, como é habitual neste goberno, todo quedou en papel mollado esquecido nun caixón”, denuncian desde o PP.

O partido tamén lamenta que non se facilite aos usuarios información actualizada sobre as liñas, horarios e frecuencias dos autobuses, tanto na web do Concello como nas propias paradas, moitas das cales se atopan en mal estado, con problemas de accesibilidade e falta de sinalización, aspectos que o PMUS tamén recoñecía pero que non foron abordados polo goberno municipal.

 

 

0.18668103218079