O PP de Culleredo pide a limpeza do río Laxe e a recuperación dunha fonte centenaria no municipio
No lugar de Castro-Laxe en Culleredo, en concreto na rúa A Fraga, hai un lavadoiro municipal que moitos dos veciños lembran utilizar “mesmo de piscina para os máis pequenos, no verán. Pechabamos a comporta que dá ao río, e os nenos refrescábanse alí”.
Hoxe en día é totalmente impensable. A maleza e a sucidade invádeno todo. Os veciños das leiras lindeiras reclaman a roza e a limpeza da zona para evitar que as ratas accedan ás súas propiedades.
“En moitas ocasións son os propios veciños os que teñen que limpar zonas anexas ás súas casas, zonas que lle corresponde ao Concello manter libres de maleza e de lixo, para impedir que as ratas e todo tipo de bichos entren nas leiras”, asegura o concelleiro Popular, Manuel Núñez, veciño de Castro.
Ademais, o sistema de rede de sumidoiros que consta de antigas tubaxes de formigón en superficie ao longo do leito do río, sofre importantes danos. “As cinchas que suxeitan a tubaxe en varios puntos, están rotas. Calquera día hai unha rotura que provocará unha vertedura de augas fecais ao río, un desastre que hai que evitar como sexa”, advirte o edil popular.
Outra das queixas que os veciños fixeron chegar ao Partido Popular, é a inutilización dunha fonte centenaria situada nun camiño de servidume da zona. “A fonte foi tapada cun voladizo de ferro para dar ancho ao camiño e que puidesen acceder os vehículos a unha casa particular. Fíxose a pesar da firme oposición dos veciños que sempre reclamaron que se coidase esta fonte. E non só non conseguiron nunca do Concello o coidado da mesma, senón que agora o alcalde José Ramón Rioboo consente en tapala e invalidar o seu uso, un auténtico despropósito”, declaran os populares.