O PP de Culleredo levará a pleno a urbanización das rúas Xoan Montes e Andrés Gaos en Vilaboa
O Partido Popular de Culleredo levará ao próximo pleno municipal unha moción na que solicitará a urbanización e humanización das rúas Xoan Montes e Andrés Gaos, situadas na zona de Vilaboa Sur, próxima á praza da Sagrada Familia. A portavoz popular, Izaskun García, denuncia que esta área “leva anos totalmente abandonada, con rúas sen rematar de urbanizar e cunha situación que, literalmente, está a monte”.
Entre as melloras incluídas na proposta popular destacan a creación de novas beirarrúas, o asfaltado integral das rúas e a reorganización do tráfico para incrementar a seguridade viaria. Segundo García, esta iniciativa responde ás demandas veciñais, que reclaman “un entorno máis accesible e seguro para todos”.
Os populares tamén sinalan a mala visibilidade nalgúns cruces, a falta de desbroce nas proximidades das vivendas e o número insuficiente de contedores en bo estado. Veciños como Pepe García “O Sacristán” e Enrique Negreira “Canducho” tamén piden ser incluídos nas zonas de limpeza viaria, das que aseguran estar excluídos ata agora.
Por todo isto, o Grupo Popular solicita que o Concello reserve unha partida orzamentaria para a elaboración e execución dun proxecto que atenda todas as necesidades da veciñanza. “Os proxectos deben facerse por e para os veciños, non de costas a eles”, conclúen desde o Partido Popular.