O PP de Culleredo esixe a elaboración dun Plan de Actuación Municipal fronte ás inundacións
O Grupo Municipal Popular de Culleredo, a través do seu concelleiro Antonio Bouza, instou no último pleno á elaboración urxente do Plan de Actuación Municipal (PAM) en caso de inundacións, tal e como establece o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), publicado no pasado mes de outubro.
Culleredo figura no listado de concellos que, segundo o Inungal, están obrigados a dispoñer dun plan municipal para actuar fronte a posibles desbordamentos. A pesar de estar catalogado como zona de perigosidade media-baixa, o risco é considerado alto debido á presenza dunha importante poboación e de actividades económicas en áreas inundables. “Por iso, é esencial contar cun Plan Municipal que permita responder con eficacia a calquera situación de emerxencia deste tipo”, destacou Antonio Bouza.
O edil popular advertiu da importancia de que tanto os servizos de emerxencia como a poboación en xeral coñezan os procedementos a seguir en caso de inundacións. “A elaboración do PAM é un instrumento clave para minimizar os riscos e para garantir que estamos preparados para actuar ante calquera desastre deste tipo”, explicou.
Dende o Partido Popular tamén recalcan que as recentes traxedias ocorridas en outras zonas de España serven como recordatorio da importancia de estar preparados para afrontar situacións de emerxencia. “Non debemos esperar a que sucedan desgracias para actuar. A prevención é fundamental para salvagardar vidas e bens”, engadiu Bouza.
O PP de Culleredo insta o Goberno local a que se poña a traballar de inmediato na redacción deste documento e que priorice a súa aprobación. “Estamos a falar da seguridade e da tranquilidade dos nosos veciños, algo que non pode quedar en segundo plano”, manifestaron dende o grupo popular.
Ademais, o grupo Popular comprométese a seguir vixiando o cumprimento das obrigas marcadas polo Inungal e a defender todas as iniciativas que permitan reforzar a protección ante riscos naturais no municipio.