O PP de Culleredo denuncia o abandono da Torre de Celas e pide a súa rehabilitación
O Partido Popular de Culleredo levará ao próximo pleno a rehabilitación da emblemática Torre de Celas, o único elemento patrimonial do concello que ostenta o título de Ben de Interese Cultural (BIC).
A Torre, orixinaria do século XIV, “é, xunto coa ponte romana do Burgo, o ben patrimonial máis importante de Culleredo. Todo un símbolo do concello presente en trofeos e condecoracións e situado nunha zona privilexiada entre o Val de Veiga e o Monte Xalo”, sinala o concelleiro popular responsable desta proposta, José Antonio Golpe Faraldo.
Foi no ano 1994 cando, tras unha rehabilitación levada a cabo pola escola taller Ponte do Burgo, foi declarada Ben de Interese Cultural e aberta ao público como museo etnográfico e sala de exposicións. “Podendo así gozar veciños, escolares e visitantes dun patrimonio cultural importantísimo que é un sinal de identidade do noso concello”, asegura o edil popular.
Porén, co paso dos anos, desde o goberno municipal “foise abandonando o mantemento e conservación deste ben patrimonial ata o punto de que, tras a chegada á alcaldía de José Ramón Rioboo, se pechou ao público e abandonouse por completo”, sinalan os populares.
Un abandono que, afirman, puido constatar nunha recente visita o propio concelleiro, Golpe Faraldo, ao interior da Torre. “Simplemente desolador”, lamenta. “É imposible pasar da planta baixa porque as escaleiras case nin existen, e as poucas que quedan están carcomidas, ao igual que os restos do mobiliario. Verdín polas paredes pola constante humidade da auga que se filtra pola claraboia e que entra polas fiestras rotas. Os manequíns que antigamente portaban vestimentas tradicionais adivíñanse na segunda planta nun estado lamentable”.
Ante este “auténtico desprezo polos bens culturais de Culleredo, presentamos unha moción para elaborar un proxecto de rehabilitación total da Torre e da súa contorna. “Recuperala para os veciños, pero tamén para o resto de visitantes, o noso legado histórico, cultural e patrimonial”, apuntan. “Que a Torre de Vinxeira Pequena volva recibir visitas de escolares e asociacións e que sexa, de verdade, ese referente de lecer ao aire libre que todos desexamos”, recalca J.A. Golpe Faraldo.