O PP de Culleredo denuncia novos retrasos nas prazas de aparcamento prometidas polo alcalde na Costa da Lonxa

ACoruñaXa
A voceira popular Izaskun García acusa ao alcalde de incumprir as súas promesas reiteradamente e esixe explicacións polos informes técnicos que nunca se fan públicos
Imaxe da Costa da Lonxa en Culleredo
30 sep 2024

O Partido Popular de Culleredo, liderado por Izaskun García, criticou de novo no último pleno municipal o que consideran un incumprimento continuado do alcalde José Ramón Rioboo respecto ás prazas de aparcamento prometidas en zonas urbanas como a Costa da Lonxa. Segundo os populares, Rioboo leva facendo estas promesas desde que chegou á alcaldía en 2017, pero sen resultados.

García lembrou que en febreiro deste ano, tras unha pregunta do seu grupo, o alcalde asegurou que a finais do verán estarían dispoñibles unhas 80 novas prazas de aparcamento en Costa da Lonxa. “Estamos a finais de setembro e esas prazas non existen. O alcalde di que os técnicos seguen elaborando informes, pero levamos sete anos coa mesma resposta, e eses informes nunca chegan”, denunciou a portavoz popular.

Desde o PP acusan a Rioboo de "engañar continuamente" aos veciños, evitando asumir responsabilidades sobre a falta de prazas de aparcamento en O Burgo, Vilaboa e Fonteculler, zonas onde o problema se agrava cada ano. "Os veciños están fartos das evasivas e das excusas do alcalde", afirmou García, quen engadiu que o descontento veciñal é cada vez maior.

En 2021, aprobouse por unanimidade unha moción do Grupo Popular para a creación de aparcadoiros disuasorios, unha iniciativa que o propio alcalde asegurara que xa estaba en marcha. Non obstante, segundo os populares, nunca se fixo realidade, e acusan a Rioboo de mentir tanto entón coma agora.

Ademais, esta semana o PP rexistrou máis de 400 firmas recollidas nas rúas Hersa e Sanjurjo de Carricarte, nas que os veciños esixen, ademais de máis prazas de aparcamento, melloras no mantemento e na limpeza destas zonas. Segundo García, o comercio local tamén está sendo ignorado polo alcalde, o que agrava a situación do municipio.

0.17222595214844