O PP de Culleredo denuncia a xestión da reforma do Pavillón de Tarrío

ACoruñaXa
As reformas, incluídas no Plan Único da Deputación do 2021, non se levaron ao cabo e o Concello tivo que indemnizar á empresa adxudicataria
Culleredo Pavillón de Tarrío
25 Xan 2024

O Grupo Popular de Culleredo considera inaceptable o sucedido coa remodelación integral do Pavillón de Tarrío. A obra incluída no Plan Único da Deputación do 2021 non se levou ao cabo e o Concello tivo que indemnizar á empresa adxudicataria da obra con máis de 16.000 euros pola imposibilidade de iniciala.

A súa portavoz municipal, Izaskun García, reclama que se inicie de inmediato a tramitación dunha nova licitación. “Perdeuse demasiado tempo pola incompetencia do Goberno Municipal. Que o alcalde Rioboo deixe de poñer escusas que xa ninguén cre e que se dedique a traballar por Culleredo. Teremos que partir de cero con este proxecto, cando debería estar xa finalizado”, declarou.

O grupo municipal manifestou tamén o profundo malestar dos principais clubs do Concello que adestran no complexo. “Trasládanos continuas queixas respecto ao estado dos pavillóns, como que o parqué atópase en malas condicións, que a iluminación é deficiente, que existen multitude de pingueiras e a condensación… A lista é interminable e supón, non só sancións federativas que deben asumir os clubs, senón tamén o que é máis grave, posibles lesións por realizar a práctica deportiva nesas condicións”, denuncian con preocupación.

0.19844102859497