O PP de Culleredo denuncia a inacción do Concello fronte ás protestas dos traballadores de xardinería
A portavoz e líder do Partido Popular en Culleredo, Izaskun García, cualificou de “insostible” a situación que viven os traballadores de xardinería do Concello, que se atopan en ERTE desde agosto e sen cobrar as súas nóminas desde marzo. A líder popular sinala directamente ao alcalde José Ramón Rioboo como o principal responsable de que “os traballadores estean manifestándose e que Culleredo pareza unha selva” debido á súa falta de xestión.
Os traballadores do servizo de xardinería protagonizan estes días protestas en diversas localizacións de Culleredo, exixindo ao alcalde que poña a licitación o contrato de xardinería, que xa caducou. Izaskun García lembra que, se se houbera cumprido o acordo plenario acadado en outubro de 2023, “non se tería chegado a esta situación de abandono total das nosas zonas verdes e de postos de traballo en perigo”.
Desde o Partido Popular esixen que se poidan ofrecer “garantías laborais para todos os traballadores” e propoñen a creación dunha comisión de seguimento, que inclúa a todos os grupos políticos e funcionarios, para planificar e coordinar as licitacións pendentes. “Rioboo é incapaz de xestionar nada e debemos garantir que se leven a cabo as licitacións que están pendentes, pois esta inacción só agrava a situación”, apunta García.
García tamén acusou ao alcalde de non xestionar os recursos municipais de forma eficiente e de non tomar as decisións necesarias para evitar a perda de emprego ou o peche de empresas. “Culleredo atópase nunha grave crise de liderado debido á ausencia do alcalde que nin sabe nin quere xestionar nada”, sentenciou.