O PP de Culleredo apoia os fondos da Deputación, pero esixe unha xestión máis responsable das políticas sociais

ACoruñaXa
Os populares critican que o Plan de Obras e Servizos Social se destine maioritariamente a gasto corrente e demandan máis inversión directa en proxectos sociais
Imaxe do PP de Culleredo
16 Jan 2025

No pleno municipal celebrado este martes, o Partido Popular de Culleredo deu o seu apoio á aprobación dos fondos do Plan de Obras e Servizos (POS) Social da Deputación da Coruña, un total de 150.000 euros. A portavoz popular, Izaskun García, explicou que o apoio responde a "unha cuestión de responsabilidade cos veciños, porque nunca rexeitaremos financiamento doutras administracións para o noso concello".

Con todo, García mostrouse moi crítica co destino destes recursos por parte do goberno municipal. "O POS Social debería servir para atender necesidades urxentes e concretas da cidadanía, como a creación dun servizo de atención temperá, a reapertura do piso tutelado, o reforzo de recursos no Centro de Información á Muller (CIM) e o incremento de axudas e bolsas ás familias máis necesitadas", sinalou García.

O grupo popular destacou que 130.000 euros dos fondos irán destinados a gasto corrente, principalmente á contratación de persoal, mentres que os 20.000 euros restantes serán para equipamentos informáticos. "A falta de persoal nos departamentos do Concello, especialmente no de política social, é evidente, pero esa carencia non debería cubrirse cun instrumento excepcional como o POS", criticou García, subliñando que eses recursos deben dirixirse a proxectos concretos para os veciños.

Ademais, os populares denunciaron que Culleredo inviste só 137 euros por habitante en política social, unha cifra moi inferior á media galega, que supera os 215 euros, e moi afastada doutros concellos próximos como Arteixo. "Non podemos seguir reducindo o gasto social por habitante. É urxente aprender das boas prácticas doutros municipios e xestionar os recursos con máis responsabilidade", concluíu García.

 

0.17391681671143