O PP de Culleredo acusa ao alcalde de irresponsable por non presentar os orzamentos nin un acordo para pagar as facturas pendentes
A situación das empresas e autónomos aos que o Concello de Culleredo lles debe o pago de facturas, nalgún caso desde hai máis dun ano, complícase aínda máis. O Partido Popular leva solicitando desde outubro do 2023 información detallada sobre as facturas pendentes sen recibir ningunha resposta do goberno de Rioboo.
A portavoz popular, Izaskun García, manifestou: “Desde outubro pedimos en distintas reunións, nas comisións, nos plenos e por rexistro que se nos informe das facturas que se deben e das empresas afectadas. E como é que se realizaron gastos sen ter reservada unha partida orzamentaria”. O grupo popular subliña que o modificativo de crédito levado a pleno en decembro polo goberno municipal non estaba vinculado a ningunha factura pendente de pago. “Era un cheque en branco co que Rioboo quería seguir gastando ao seu antollo, como 40.000 euros nun busto para instalar no xardín botánico”, engadiu García Gorostizu.
Os populares advertiron que a situación de moitas empresas e autónomos é cada día máis complicada, sen que desde o goberno local se mova un dedo para atopar unha solución. Aseguran que o alcalde incumpriu unha das súas promesas, feita hai apenas 20 días, de levar a pleno un novo expediente para solucionar os impagos.
Ante esta situación, o grupo popular pediu hai case tres semanas unha Comisión Extraordinaria de Presidencia para impulsar unha solución inmediata, pero acaban de saber que nin sequera está na orde do día da comisión ordinaria. Este desinterese de José Ramón Rioboo indigna aos populares. “Culleredo non merece semellante mostra de desidia e de prepotencia. Non entendemos por que o alcalde non quere que fiscalicemos esa documentación, negándonos o acceso aos expedientes solicitados desde hai meses”, concluíu a portavoz.
A vontade do PP de Culleredo é que o concello abone as facturas pendentes canto antes para aliviar a situación das empresas e autónomos afectados.