O PP de Carral esixe eliminar taxas a asociacións e solucións inmediatas para os taxistas

ACoruñaXa
Os populares reclaman modificar a ordenanza fiscal e atender as demandas do colectivo de taxistas no próximo pleno extraordinario
concello carral
15 Nov 2024

O Partido Popular de Carral solicitou a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar dúas cuestións clave: a eliminación de taxas ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro e a resolución das demandas do colectivo de taxistas.

A proposta inclúe a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de casetas, atraccións e espectáculos en terreos de uso público. O obxectivo, segundo os populares, é eximir a estas entidades do pagamento, facilitando a organización de eventos como as festas parroquiais, sen afectar a estabilidade económica do Concello.

Ademais, o grupo municipal insta ao goberno local a atender a petición dos taxistas para recuperar a súa ubicación orixinal na Praza da Capela, despois de ser trasladados temporalmente á rúa Costa do Pincho. Este colectivo presentou un escrito o pasado 29 de outubro no que manifestaban o seu malestar pola situación.

Os concelleiros do PP consideran estas medidas imprescindibles para garantir o apoio ás iniciativas locais e resolver as demandas veciñais, ao tempo que se manteñen os equilibrios orzamentarios necesarios.

0.18757319450378