O PP de Betanzos reclama explicacións pola cuberta prometida para o parque Pintor Seijo Rubio

ACoruñaXa
Ceci Vázquez pide coñecer por que a estrutura anunciada en 2023 non se executou tras a reapertura da área infantil, incluída nun proxecto do POS+ cun investimento de case 190.000 euros de inversión
BETANZOS parque pintor seijo
Imaxe da renovación do parque en Maio de 2026
14 May 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos solicitará ao goberno local o expediente completo das obras do parque Pintor Seijo Rubio para coñecer que ocorreu coa cuberta anunciada en 2023 para esta área infantil. A portavoz popular, Ceci Vázquez, reclama explicacións públicas tras a reapertura do espazo, que volveu estar operativo o pasado 8 de maio logo dunha renovación integral, pero sen a estrutura que, segundo lembra, fora presentada polo executivo local en plena campaña electoral.

A formación sinala que a actuación figuraba no POS+ 2023 baixo a denominación 'Cuberta da área de xogos infantís do Parque Pintor Seijo Rubio' e contaba cun investimento total de 188.311,94 euros. Desa cantidade, 123.037,96 euros procedían da Deputación da Coruña, mentres que os 65.273,98 euros restantes correspondían ao Concello de Betanzos.

Vázquez lembra que a alcaldesa, María Barral, anunciara no seu día que este parque se convertería na primeira área de xogos infantís cuberta da cidade. Por iso, o PP considera necesario que o goberno local detalle se o proxecto sufriu modificacións, cando se aprobaron, que xustificación técnica tiveron e se se mantiveron as condicións económicas recollidas inicialmente no plan provincial..

Con todo, o PP incide en que a reapertura do parque non despexa a principal incógnita sobre unha actuación que fora anunciada cunha cuberta de xeometría irregular e cores. 'Cremos que, como mínimo, a cidadanía merece unha explicación da alcaldesa', afirmou Ceci Vázquez, quen avanzou que o seu grupo fiscalizará o expediente para comprobar se as modificacións do proxecto, no caso de telas habido, se tramitaron correctamente.

Os populares sosteñen que a cuestión non se limita á mellora executada, senón ao cumprimento dos compromisos adquiridos e á transparencia na xestión dunha obra financiada con fondos públicos. Por iso, piden ao executivo local que aclare se a cuberta foi descartada, aprazada ou substituída por outras actuacións dentro do mesmo investimento.

0.14229702949524