O PP de Betanzos reclama ao Concello medidas para erradicar a praga de termitas no casco histórico

ACoruñaXa
A voceira do Partido Popular, Cecilia Váquez, denuncia que goberno local coñece desde hai máis de dous anos o problema e que segue sen tomar ningunha medida efectiva. Por elo, adianta que levará ao pleno deste martes unha moción instando ao goberno a traballar para resolver este problema
Imaxe do Casco Histórico de Betanzos
26 Feb 2024

Os populares de Betanzos denuncían a falta de resposta por parte do Goberno local ante a praga de termitas que inza as vivendas do centro histórico e teñen aos seus residentes nun continuo desasosego e desamparo. A súa voceira, Cecilia Vázquez, destaca a falta de información, de respostas adecuadas e de accións eficaces para controlar os danos causados polas colonias de termitas. "Son unha mostra máis do abandono do Concello das súas principais responsabilidades", sinalou.

Unha praga que é coñecida oficialmente polo goberno local, como así está constatado a través de comunicacións doutras administracións, manifestacións dos veciños, medios de comunicación e a denuncia constante desta lamentable situación por parte do Partido Popular.

Ante este abandono, falta de limpeza e mantemento, que provoca unha lamentable imaxe non só do centro histórico, senón que tamén dos barrios urbanos e da zona rural do municipio, o PP insta goberno local a saír da súa apatía e exercer as súas responsabilidades para manter con garantía a salubridade e seguridade dos veciños.

Dende o PP lembran que levan anos incidindo e denunciado a praga de termitas e a súa inmensa poboación de roedores, que explican que a diario se poden observar a plena luz do día por rúas, prazas e rueiros. Como medidas a tomar para paliar esta grave situación de abandono e proliferación de pragas, a portavoz popular, Cecilia Vázquez, leva ao pleno deste martes unha moción instando o goberno local a traballar para resolver este problema.

Neste sentido, para Cecilia Vázquez e o seu grupo, a solución pasa por: o encargo inmediato a unha empresa especializada en inspección de patoloxías de orixe biótico das estruturas públicas situadas no centro histórico. Levar a cabo as correspondentes medidas de tratamento, protección e prevención da citada praga que afecta á cidade vella. Poñer ao dispor dos veciños do centro histórico a revisión de vivendas, a través dunha empresa especializada, para detectar o total de posibles domicilios afectados.

Para Vázquez trátase dunhas medidas de aplicación urxente, xa que “canto máis tempo déixese pasar sen actuar, maiores serán os danos nas propiedades públicas e privadas e tamén maior será o risco potencial para os seus moradores”. “O concello non pode seguir mirando para outro lado, cando as termitas son xa outro factor que está a contribuír a pasos axigantados ao desmoronamiento do centro histórico”, concluíu.

0.18978595733643