O PP de Betanzos propón baixar os prezos do comedor escolar do Vales Villamarín

ACoruñaXa
O obxectivo da proposta é que o servizo recupere os prezos anteriores á última suba aplicada polo executivo local
cecilia-pp-betanzos
26 Jun 2025

O grupo municipal do PP de Betanzos vén de presentar unha moción, que será debatida no Pleno deste xoves 26 de xuño, na que solicita ao Goberno local a modificación da ordenanza fiscal reguladora do comedor escolar do CEIP Francisco Vales Villamarín. O obxectivo da proposta é que o servizo recupere os prezos anteriores á última suba aplicada polo executivo local.

A portavoz popular, Cecilia Vázquez, fundamenta esta petición no importante incremento da achega económica da Xunta de Galicia, que pasará de 125.276 euros a 293.374 euros para os cursos 2025/26 e 2026/27. “Un incremento de recursos que ten que reverter directamente nos usuarios e nas súas familias”, asegura.

Desde o PP defenden que esta maior aportación autonómica permite revisar os custos do servizo e, por tanto, volver aos prezos públicos anteriores. Ademais, propoñen aplicar “criterios de proporcionalidade e capacidade económica na determinación das tarifas conforme ao principio de progresividade”, co obxectivo de garantir o acceso equitativo ao comedor escolar.

Cecilia Vázquez lembra que a actual suba de prezos aprobouse a través dunha ordenanza impulsada polo Goberno local e apoiada polo BNG e os concelleiros non adscritos. Esta decisión, sinala, supuxo non só un incremento importante na contía que deben asumir as familias, senón tamén “unha diminución considerable das bonificacións”.

A moción popular busca, en definitiva, que o Concello adapte a ordenanza á nova realidade orzamentaria e alivie a carga económica das familias usuarias do comedor escolar.

⚙ Configurar cookies
0.18286895751953