O PP de Betanzos propón 25 iniciativas para potenciar o valor cultural do Globo de San Roque
A portavoz do Partido Popular en Betanzos, Cecilia Vázquez, presentou ao Patronato do Globo de San Roque un conxunto de 25 iniciativas destinadas a difundir e consolidar o valor cultural do Globo, unha das tradicións máis emblemáticas do municipio. Este aeróstato de papel, considerado o maior do mundo na súa categoría, é o centro das festas patronais de Betanzos desde hai 150 anos e simboliza a identidade e o orgullo dos betanceiros.
As propostas do Partido Popular inclúen actividades como a negociación con Google para que o Globo sexa destacado como un doodle, a organización de talleres de elaboración de globos de papel, unha edición especial das Balconadas e a creación dun documental que recolla a súa historia. Vázquez, que participou na última reunión do patronato en representación do PP, resaltou a importancia de que a tradición do Globo de San Roque se manteña presente durante todo o ano en Betanzos: "A súa singularidade e o seu valor etnográfico teñen capacidade para concitar a unidade de todos, e é un símbolo que debemos aproveitar no interese xeral de Betanzos", afirmou.
Entre as actividades propostas tamén figuran iniciativas conmemorativas como un concurso de logotipo para o 150 aniversario, a edición dun pin especial, a creación dunha escultura de homenaxe a Claudino Pita Pandelo - precursor da tradición - e a emisión dun cupón da ONCE e dun décimo da Lotería Nacional dedicados ao Globo. A proposta tamén inclúe un ciclo de conferencias, unha exposición histórica con fotografías e artigos de prensa, e a posibilidade de realizar unha recreación de luces e música inspirada no Globo.
Esta batería de propostas responde ao acordo do Patronato de buscar ideas para celebrar a destacada efeméride do próximo ano. Vázquez suxeriu que as actividades teñan continuidade ao longo de todo o 2025 para manter viva a tradición e reforzar o seu peso cultural en Betanzos.