O PP de Betanzos pide ao Concello un plan de pago para reducir os prazos de pago e a débeda

ACoruñaXa
Sinalan que o Concello de Betanzos debe adoptar medidas para pagar aos provedores no prazo legal establecido
Imaxe da Praza do Concello en Betanzos
15 Maio 2024

O PP de Betanzos sinala que o Concello de Betanzos debe adoptar medidas para pagar aos provedores no prazo legal establecido. Así o recolle o informe sobre tutela financeira da Xunta correspondente ao 4º trimestre de 2023.

A portavoz do Partido Popular de Betanzos, Cecilia Vázquez, amosou a preocupación do seu grupo político polo incumprimento do Prazo Medio a Provedores (PMP), tal como indica o informe trimestral sobre o exercicio de tutela financeira de regulación e sustentabilidade da administración local correspondente ao 4º trimestre de 2023.

O citado informe, elaborado pola Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da Xunta de Galicia, indica que o Concello de Betanzos necesita adoptar medidas en relación co incumprimento de pago a provedores. Polo que Cecilia Vázquez urxe ao equipo de goberno a establecer un plan de pago para reducir os prazos de pago a débeda.

Neste sentido, Cecilia Vázquez explicou que desde o Partido Popular de Betanzos “Instamos en varias ocasións ao Goberno local a corrixir a súa xestión e pagar en tempo e forma aos provedores”. Unha denuncia que foi ignorada reiteradamente polos responsables municipais e da que se defenderon argumentando que a existencia de débeda con provedores non era certa. Provedores que na maioría dos casos son profesionais, autónomos e pequenas empresas do municipio.

O informe correspondente ao 4º trimestre do 2023, desmonta o relato do Goberno local e pon en evidencia que ademais de faltar á verdade, dicindo que paga o que non paga. Demostra que a xestión levada a cabo polos seus responsables é máis que ineficiente.

Así, Cecilia Vázquez pide ao grupo socialista que “asuma as súas responsabilidades de pago e saiba poñerse no lugar das decenas de traballadores que prestan os seus servizos e fornecen bens ao municipio puntualmente e despois teñen que esperar meses e mesmo anos para cobrar as súas facturas”.

Prazo de 30 días para pagar

Como engadiu a portavoz popular, o principio de sustentabilidade financeira refírese á capacidade de cada Administración Pública para financiar compromisos de gasto presentes e futuros dentro dos límites de déficit, débeda pública e morosidade de débeda comercial. Principio que, á vista do citado informe, o concello de Betanzos non está a asumir, en consecuencia prexudicando aos seus provedores e deteriorando os propios servizos que presta aos veciños.

É importante lembrar que xa no primeiro trimestre do ano pasado o Ministerio de Facenda fixo público que o concello de Betanzos tiña problemas para cumprir cos 30 días de prazo para abono a provedores, cun atraso medio de 41,29 días. Unha anomalía que aínda non foi capaz de reverter.

0.19628715515137