O PP de Betanzos comeza coa recollida de sinaturas contra as restricións de acceso ao centro histórico

O Grupo Municipal do Partido Popular de Betanzos iniciou unha recollida de sinaturas para reforzar a alegación colectiva que prevé presentar a próxima semana contra as restricións de acceso ao centro histórico promovidas polo goberno local. A formación sostén que non pretende frear a ordenación do tráfico nin cuestionar un modelo de mobilidade máis sostible, pero si introducir correccións para evitar, ao seu xuízo, efectos prexudiciais sobre a vida diaria da zona vella.
Os populares defenden que o centro histórico debe seguir sendo un espazo vivo, con actividade comercial e condicións asumibles para a veciñanza residente. Na súa argumentación, advirten de que a proposta municipal pode resultar desproporcionada e ser percibida como un sistema punitivo se non vai acompañada do consenso social e das garantías técnicas que consideran necesarias.
Entre as principais peticións que recolle a alegación figura a realización dun estudo previo sobre o tráfico rodado no centro histórico e dunha avaliación do posible impacto económico no comercio tradicional. O PP tamén reclama que a normativa incorpore un anexo técnico detallado sobre a localización, a función e o protocolo de funcionamento das cámaras previstas, así como un procedemento áxil e gratuíto para acceder ás imaxes.
A proposta inclúe ademais a ampliación do tempo máximo de acceso para condutores non residentes, que os populares sitúan como mínimo en 60 minutos, e a extensión do horario de carga e descarga ata as 14.00 horas, cunha franxa vespertina adicional controlada. Xunto a iso, piden unha regulación específica que permita o acceso de vehículos de subministro esencial de máis de 3.500 quilos.
No apartado administrativo e de protección de datos, o grupo municipal solicita maiores garantías na xestión das imaxes captadas polas videocámaras e dos datos de carácter persoal. Tamén demanda que o prazo de comunicación das solicitudes de acceso se reduza a un máximo de 10 días, fronte ao mes que, segundo sinala, figura agora na normativa.
A alegación incorpora tamén a esixencia dunha sinalización física clara das zonas de aparcamento exprés e da inclusión desta información na páxina web do Concello. A isto engádese a petición de que a listaxe de vehículos autorizados se actualice cada ano de forma obrigatoria a partir do padrón, mediante un sistema automatizado de comunicación de cambios.
Os populares propoñen igualmente que as resolucións que agora dependen da Alcaldía se substitúan por criterios obxectivos e regrados. Ademais, reclaman un período mínimo de seis meses de 'fase pedagóxica' antes da aplicación plena da normativa e a creación dunha comisión de seguimento que avalíe cada trimestre os principais indicadores sobre o impacto das medidas.