O PP de Betanzos carga contra a nova regulación do tráfico no casco histórico e alerta de 'caos de xestión'

O Grupo Municipal do PP de Betanzos volveu mostrar o seu rexeitamento á nova normativa que regulará o acceso de vehículos ao casco histórico, unha vez resoltas as alegacións presentadas durante o período de exposición pública. A formación considera que, malia as modificacións introducidas polo Goberno local, o texto segue presentando importantes deficiencias e mantén boa parte das restricións que motivaron as súas críticas desde o inicio da súa tramitación.
A ordenanza, impulsada polo executivo que preside María Barral, busca reducir o tráfico rodado e priorizar o uso peonil do centro histórico mediante un sistema de control de accesos con cámaras e un réxime de autorizacións para determinados usuarios. A norma prevé un límite xeral de 30 minutos para os accesos autorizados e un período previo de adaptación antes da entrada en vigor das sancións.
Segundo a portavoz popular, Ceci Vázquez, a resposta do Goberno local ás alegacións presentadas non resolve as principais preocupacións da veciñanza e do tecido comercial. O PP sostén que a regulación segue adoece de 'falta de diálogo previo, consenso cos afectados e improvisación', ao tempo que advirte de que a súa aplicación pode traducirse nun 'caos de xestión' debido á complexidade do sistema de autorizacións.
Entre as cuestións que a formación considera máis preocupantes figura o calendario de implantación da norma. Os populares afirman que existen contradicións sobre a duración do período de carencia antes de que comecen a impoñerse sancións. Mentres nun apartado da documentación se fixa a entrada en vigor o 1 de outubro de 2026 tras un período informativo, noutro faise referencia a tres meses de adaptación, algo que, ao seu xuízo, resulta incompatible.
O PP tamén critica que o Goberno local rexeitase ampliar de 30 a 60 minutos o tempo máximo de acceso autorizado para os usuarios ocasionais, así como reducir o prazo dun mes previsto para resolver as solicitudes de autorización. Do mesmo xeito, cuestiona que se manteña o límite de 3.500 quilos para os vehículos que poden acceder ao recinto, salvo autorización expresa, ao entender que pode afectar a determinados servizos de subministración e reparto.
A pesar destas críticas, a formación recoñece que durante a tramitación da ordenanza se incorporaron algunhas modificacións ás alegacións presentadas. Entre elas figura a inclusión de novos supostos de acceso autorizado, como os propietarios de inmobles non empadroados en Betanzos, familiares directos de persoas que requiran coidados, hóspedes de aloxamentos turísticos para carga e descarga da equipaxe ou vehículos vinculados a determinadas actividades de mantemento. Tamén se ampliou o horario de carga e descarga, que finalmente será de 7.00 a 12.00 horas e de 16.00 a 17.00 horas.
Con todo, os populares consideran que estes cambios son insuficientes e manteñen que a regulación acabará penalizando a calidade de vida dos residentes e o funcionamento do comercio e da hostalaría do centro histórico, ademais de trasladar, ao seu xuízo, a sensación de que acceder á zona será un proceso excesivamente complexo.