O PP de Bergondo denuncia que o Nadal chega “tarde e mal iluminado” este ano

ACoruñaXa
Critican a falta de previsión do goberno local (PSOE e Alternativa dos Veciños) e acusan de irregularidades na contratación
luces-nadal
22 Dec 2024

O Partido Popular de Bergondo, liderado por Manuel Fafián, lamenta un ano máis a escasa e tardía iluminación de Nadal no municipio. Segundo denuncian, a débil aposta do goberno local (PSOE e Alternativa dos Veciños) provoca que sexan os veciños, coas súas decoracións persoais, quen realmente dean luz e ambiente festivo ás rúas de Bergondo.

"A iluminación do Concello é pobre e chegou tarde, coma sempre", criticou Fafián. Non foi ata a semana pasada cando se comezou a instalar a iluminación, tras varias queixas nas redes sociais por parte dos veciños. Segundo indican, esta tardanza repítese ano tras ano, ademais de irregularidades no proceso de contratación.

O PP denuncia que o contrato de iluminación segue realizándose mediante a figura de “contrato menor”, a pesar de que esta práctica foi obxecto de reparos por parte do servizo de Intervención municipal. "O equipo de goberno incumpre o procedemento de contratación e, malia os reparos, a alcaldesa socialista levanta ano tras ano esta advertencia para que a empresa cobre", subliñou Fafián.

Por outra banda, os populares acusan ao goberno local de faltar á verdade ao afirmar que este ano se incrementou o investimento en iluminación, pasando de 15.000 euros en 2023 a case 40.000 euros en 2024. A realidade, segundo o PP, é que o contrato foi adxudicado por só 27.900 euros, a unha empresa que leva varios anos traballando co Concello.

“É lamentable que en Bergondo sigan facendo todo tarde e mal, enganando aos veciños e incumprindo a lei. A cidadanía merece máis respecto e mellores xestións”, concluíu Fafián.

 

0.16778492927551