O PP de A Coruña leva ao Congreso os atrasos na obra de Alfonso Molina

O Partido Popular trasladou ao Congreso dos Deputados a falta de información sobre os prazos da obra de ampliación de Alfonso Molina. Os deputados coruñeses Tristana Moraleja e Álvaro Pérez, en coordinación co portavoz municipal do PP na Coruña, Miguel Lorenzo, rexistraron unha batería de preguntas dirixidas ao Goberno do Estado para coñecer cando estará rematada a actuación.
A iniciativa chega despois de que o pleno municipal de abril aprobase por unanimidade unha moción do PP para reclamar ao Executivo central unha data definitiva para a finalización dos traballos, que inicialmente debían estar concluídos en xaneiro. Segundo os populares, a día de hoxe continúa sen haber unha resposta concreta nin un calendario pechado.
O grupo quere saber cal é o novo prazo que manexa o Ministerio para dar por executada a obra na súa totalidade. Tamén pregunta cantos modificados foron aprobados desde o inicio da actuación e a canto ascende cada un deles, ao considerar que non se ofreceu información suficiente sobre estes cambios.
A ampliación de Alfonso Molina arrastra atrasos vinculados a incidencias técnicas detectadas durante os traballos, entre elas a aparición de infraestruturas soterradas que obrigaron a modificar a planificación inicial. A remodelación da avenida fora presentada polo Ministerio de Transportes cun investimento global de 31 millóns de euros.
Os populares tamén poñen o foco na segunda fase da intervención. Segundo lembran, o Goberno municipal anunciou no pleno de abril que esa nova etapa sería licitada antes de xuño. Por iso, preguntan ao Executivo estatal se confirma esa previsión, cal será o importe da licitación, que prazo de execución terá e se os traballos se desenvolverán ao mesmo tempo que a primeira fase ou con calendarios separados.
O PP sostén que a obra acumula xa tres meses de atraso e reclama á alcaldesa, Inés Rey, que incremente a presión sobre o Goberno do Estado para axilizar os traballos e concretar unha data de finalización. A formación considera que a falta de certezas afecta a unha das principais vías de entrada e saída da cidade e insiste en que a veciñanza debe coñecer cando rematará unha actuación que condiciona a mobilidade diaria na Coruña.