O PP da Coruña solicita un Consello Reitor urxente do IMCE

ACoruñaXa
O concelleiro popular Roberto Coira anunciou o rexistro da solicitude, tras a denuncia do BNG sobre a aparición de facturas irregulares por 700.000€, ascendendo xa a un total de 4,3 millóns de euros
Imaxe do concelleiro popular Roberto Coira
29 Maio 2024

O concelleiro e representante do Grupo Popular no IMCE, Roberto Coira, anunciou que solicitou a convocatoria dun Consello Reitor extraordinario e urxente do IMCE para esixir explicacións sobre a súa situación económica, tras a denuncia realizada no día de onte polo BNG sobre a aparición de máis facturas irregulares por importe de 700.000 euros, ascendendo xa a un total de 4,3 millóns de euros.

Coira lembrou que nun primeiro momento, o Goberno municipal presentou un modificativo para pagar facturas irregulares de festas de 2023 por importe de 2,5 millóns de euros. No consello reitor do IMCE o Grupo Popular votou en contra e o BNG non se opuxo á súa aprobación. “O informe do Interventor alertaba de que aínda quedaría pendente 1 millón de euros máis en facturas irregulares, alcanzando os 3,6 millóns en total. Un informe demoledor, por suposto desfavorable, no que reflectía que faltan informes como o da Asesoría Xurídica municipal”, destacou.

Se isto xa era un inaceptable, agora, “segundo o BNG, hai outros 700.000 euros máis en facturas irregulares ata alcanzar os 4,3 millóns de euros. Por iso esiximos ese consello reitor extraordinario para que o goberno municipal dea explicacións sobre as formas e o fondo destas irregularidades”, afirmou.

Polas formas porque é incomprensible que vaian aparecendo facturas irregulares a contagotas, que corresponden a gastos sen seguir a normativa de contratación, en moitos casos de forma verbal e sen orzamento e porque como recolle o interventor, faltan informes, entre eles o da asesoría xurídica municipal. “Cantas facturas máis faltan por aparecer?”, sinalou Coira.

Polo fondo porque o Orzamento inicial do IMCE para 2023 foi de 6,73 millóns e o final subiu ata os 10,5 millóns de euros, un incremento de +3,77 millóns de euros, un 56% máis. A maiores, o IMCE acordou o gasto doutros 4,3 millóns de euros sen seguir os criterios de contratación, as facturas irregulares. Por tanto: o incremento total do gasto sobre o orzamento inicial foi de +8,07 millóns de euros(+120%); destes 8,07 millóns de euros de incremento de gasto, 4,3 millóns de euros foron con facturas irregulares; o gasto final do IMCE en 2023 foi de 14,8 millóns de euros, máis do dobre do inicial de 6,73 millóns de euros.

“Esiximos a Inés Rey que poña fin ao descontrol absoluto na xestión do IMCE porque é un escándalo. Esperamos que o Goberno municipal convoque ese consello reitor extraordinario e urxente para que dea explicacións sobre estas irregularidades e sobre a situación económica do IMCE e esperando tamén que o BNG se some a esta petición”, finalizou o concelleiro Popular.

0.11098313331604