O PP da Coruña reclama recuperar a Policía de Barrio ante o aumento da delincuencia

O voceiro do Grupo Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, reclamou a recuperación da Policía de Barrio e unha maior presenza policial nas rúas como medida urxente fronte ao preocupante aumento da criminalidade na cidade.
"Nos últimos días puidemos ler nos medios noticias de atracos a taxistas a punta de coitelo ou roubos continuos en todo tipo de comercios. Estes datos son alarmantes e evidencian un problema real de seguridade cidadá", advertiu Lorenzo. Segundo os populares, desde que Inés Rey accedeu á alcaldía, os delitos incrementáronse nun 24 %, e só no que vai de 2024 xa aumentaron un 2 %. Actualmente, os coruñeses sofren unha media de 35 delitos ao día, incluíndo un roubo cada 32 horas, o que converte á Coruña na cidade galega con maior número de infraccións penais.
O PP considera necesario reforzar a atención ás persoas en situación de exclusión social, pero tamén garantir a seguridade de veciños, comerciantes e hostaleiros. "Temos que acabar cos recortes sociais, pero ao tempo cómpre ofrecer seguridade nas rúas e evitar situacións de conflito que afectan á convivencia", apuntou Lorenzo.
Neste sentido, os populares consideran imprescindible incrementar as dotacións tanto da Policía Local como da Policía Nacional, criticando que o orzamento municipal para 2025 non contempla medidas concretas para ampliar os efectivos.
"Estes son os problemas reais dos coruñeses que Lage Tuñas e Inés Rey deberían abordar. Pero en lugar diso, seguen falando de grandes proxectos que nunca chegan e que non resolven o día a día da veciñanza", concluíu Lorenzo, lamentando que tanto a alcaldesa como a subdelegada do Goberno fixeran recentemente un balance positivo da seguridade cidadá, "a pesar dos datos obxectivos que indican todo o contrario".