O PP da Coruña proporá no Pleno melloras para o barrio de Matogrande atendendo as necesidades veciñais

ACoruñaXa
O partido sinala que é necesario incrementar a presenza policial porque, como noutras zonas, o barrio sofre un problema de falta de seguridade, perfectamente identificado, que provoca situacións indesexables para os veciños
Imaxe aérea do barrio de Matogrande na Coruña
4 Jun 2024

O Grupo Popular da Coruña presentou unha moción con propostas para o barrio de Matogrande, atendendo ás peticións dos veciños, na que se insta ao Goberno municipal a: realizar un plan de mantemento das infraestruturas municipais; incrementar a presenza de policía local; establecer, en coordinación cos veciños, un plan específico para a mellora da xestión do tráfico así como das prazas de aparcamento; e, facer cumprir as ordenanzas municipais sobre horarios e usos de vía pública.

Os populares lembran que fai escasas datas cumpríanse 30 anos desde que se puxese a primeira pedra no barrio de Matogrande. É, pois, un barrio relativamente novo que careceu dunha planificación a longo prazo e non tivo en conta o posible crecemento e desenvolvemento que, posteriormente, tivo e as consecuencias derivadas de todo iso, e fronte as que se enfrontan os veciños na actualidade.

Como noutras moitas zonas da nosa cidade, o barrio sofre un problema de falta de seguridade, perfectamente identificado, que provoca situacións indesexables para os veciños. Este diagnóstico é permanente no tempo xa que tivo outro foco similar que provocou a resposta por parte dos veciños nunha recollida de firmas.

Outro denominador común característico de toda a cidade, tamén presente en Matogrande, é a falta de mantemento e o estado das infraestruturas e equipamento municipais. Asfalto, beirarrúas, sinais, papeleiras, bancos, farois, etc, carecen da mínima atención necesaria para poder cumprir co seu labor.

Respecto ao tráfico, as obras de ampliación de Alfonso Molina traerán nos próximos meses, problemas aos veciños polo desvío dos vehículos cara a un barrio xa saturado en especial no horario de entrada e saída dos colexios.

Unha das claves que caracterizan a este barrio é a oferta hostaleira de calidade coa que conta. A demanda existente chocou en determinados momentos e lugares co desexo e necesidade de moitos residentes de gozar dun descanso ao incumprirse as ordenanzas correspondentes e fronte a nula resposta administrativa a este feito.

0.16154789924622