O PP da Coruña pide poñer fin á incerteza laboral dos traballadores das Bibliotecas municipais
O Partido Popular da Coruña expresa a súa preocupación pola situación dos traballadores das Bibliotecas municipais, cuxo contrato anual de 2,2 millóns de euros rematará a comezos de novembro sen que teñan ningunha claridade sobre o seu futuro laboral. Miguel Lorenzo, portavoz do PP, destacou a incerteza que están a vivir os máis de 70 empregados a menos dunha semana de que expire o contrato. "Non saben nada, e nós tampouco. Hoxe teñen unha reunión na que esperamos que lles aclaren algo", sinalou Lorenzo no Día Internacional das Bibliotecas.
Os traballadores levan case dez anos soportando unha situación complicada, que inclúe unha tentativa fallida de remunicipalización, problemas de impago, empresas en precario e cambios de concesionaria a metade do contrato. A este panorama engádese o recente anuncio de municipalización, do que os afectados non teñen detalles concretos.
O Goberno municipal creou unha comisión especial para as Bibliotecas que, segundo Lorenzo, só se reuniu tres veces nos últimos dezaoito meses. A última reunión foi o 2 de outubro, na que se indicou que aínda faltaban varios informes necesarios, como os da Asesoría Xurídica e do Ministerio sobre a taxa de reposición. O portavoz popular subliñou que este proceso está a ser demasiado longo e non ofrece a tranquilidade que precisan os traballadores.
"A situación segue sen avances concretos, e os traballadores merecen saber cal será o seu futuro e as súas condicións laborais e económicas. Xa se teñen manifestado en María Pita para amosar o seu malestar. Nós seguiremos en contacto con eles, escoitándoos e mantendoos informados sobre calquera novidade", concluíu Lorenzo.