O PP da Coruña pide ao Concello que adopte medidas para frear a perdida de pasaxeiros no aeroporto de Alvedro

ACoruñaXa
A formación levará unha iniciativa ao Pleno, xa que o aeroporto coruñés acumula tres meses seguidos perdendo pasaxeiros con respecto as cifras do ano pasado
Imaxe do Aeroporto de Alvedro na Coruña
14 Xuño 2024

O Grupo Popular da Coruña informa que reclamará no vindeiro Pleno que o Goberno municipal adopte medidas frear a perda de pasaxeiros no aeroporto de Alvedro, mediante melloras técnicas, investimentos pendentes, recuperación de destinos e frecuencias e control sobre cancelacións e cambios de avións imprevistos.

Dende a formación sinalan que o aeroporto coruñés perdeu pasaxeiros con respecto ao ano anterior nos últimos tres meses de forma consecutiva e tampouco se recuperaron as cifras previas á pandemia. En marzo de 2024 o descenso de pasaxeiros foi dun 3,9% respecto ao mesmo mes do ano anterior; en abril do 3,8% e en maio, dun 1%.

Indican que a recuperación das cifras previas á pandemia está a ser moi complicada. Non se desenvolveu unha estratexia pensada nin consensuada co sector. Alvedro é o único aeroporto galego que non recuperou aínda as cifras de pasaxeiros de 2019. Non hai un plan municipal para recuperar os destinos e frecuencias perdidas.

Ademais, o partido sinala que nos últimos días tamén se produciron queixas pola cancelación de voos sen maior explicación e a diminución de prazas nos avións ao cambiar os habituais por outros de menor tamaño. Outro dos motivos do descenso de pasaxeiros é o desvío dos voos cando o ceo está cuberto por néboa espesa que non permite aos pilotos ver a pista para facer a manobra de aterraxe. A pesar de que a cabeceira norte conta desde o 2008 co sistema ILS da categoría tres, a máis precisa, que permitirían tomar terra con visibilidade practicamente nula, seguimos relegados a categoría dúas, cuns mínimos bastante máis altos.

O 65 % da pasaxe de Alvedro é de negocios. Por tanto, a cancelación de voos afecta sobre todo as empresas, sobre todo cando producen nos primeiros da mañá. Por tanto é necesario acometer actuacións para optimizar o ILS.

Tamén é necesario que o Goberno municipal inste o central a realizar obras urxentes no aeroporto, como a ampliación da terminal, a de maior cociente de pasaxeiros por metro cadrado de todos os aeroportos nacionais; a instalación de, polo menos, outro finger; a ampliación do espazo de salas de espera para embarcar; ou instalar un segundo filtro de seguridade debido ás colas que se forman cando teñen que embarcar pasaxeiros para avións de máis de 100 pasaxeiros.

0.18137216567993