O PP da Coruña pide ao Concello a elaboración dun novo Plan Local de Seguridade

ACoruñaXa
O novo Plan debe servir para dispoñer dunha planificación sólida en seguridade, avogando por unha policía municipal renovada, formada e adaptada ás novas realidades e con presenza en todos os barrios
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
20 Maio 2024

O Grupo Popular reclama ao Goberno municipal a elaboración dun novo Plan Local de Seguridade, tal e como se aprobou nunha moción presentada polo PP no Pleno de xaneiro deste ano, #ante os problemas de inseguridade que adoece a nosa cidade. Os datos do Ministerio do Interior correspondentes ao primeiro trimestre de 2024 reflicten un aumento do 9,2% no número de delitos na nosa cidade, o triplo que a media de Galicia (+3,2%) e de España (+3,2%).

Neste incremento destacan os relacionados con homicidios en grao de tentativa (+200%), contra a liberdade sexual (+5,6%), roubos con violencia e intimidación (+2,8%), furtos (+6,2%), subtraccións de vehículos (+100%) ou ciberdelitos (+19%). Ademais, A Coruña segue sendo a cidade de Galicia en que se cometen máis delitos, 3.174 no primeiro trimestre por 3.034 en Vigo con máis habitantes.

Neste sentido, o PP insta o Goberno municipal a que elabore e poña en marcha un novo Plan para dispoñer dunha planificación sólida en materia de seguridade, avogando por un concepto de policía local renovada, formada e adaptada ás novas realidades sociais e diversidades da nosa cidade, sen esquecer a súa presenza en todos os barrios, o que fomenta a prevención e favorece a colaboración cidadá.

O actual Plan Local de Seguridade aprobouse en 2012, durante o mandato do Goberno municipal do Partido Popular, que promoveu o interese do goberno municipal na seguridade cidadá e impulsou a creación de protocolos de actuación policial, non só para a Policía Local senón en colaboración con Policía Nacional, así como a recuperación da Policía de Barrio. Desde entón non se actualizou a pesar de que se produciron cambios importantes na estrutura A Coruña, así como a evolución das formas de delincuencia.

O partido sinala que o Goberno municipal segue sen convocar as prazas de reposición da Policía Local que fan falta, segue sen solicitar máis axentes de Policía Nacional e segue, en definitiva, desatendendo á cidadanía, que pide máis policía nas rúas. PSOE e BNG tamén eluden a súa responsabilidade política, xa que no seu pacto de goberno non incluíron nin unha soa medida destinada a este fin.

0.18694400787354