O PP da Coruña pide a Inés Rey diálogo sobre os contratos pendentes como o de Nostián
O voceiro do Partido Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, fixo esta mañá un chamamento á alcaldesa da cidade, Inés Rey, para que se abra ao diálogo co seu partido coa fin de solucionar os problemas cos contratos millonarios da planta de lixo de Nostián, os problemas coa recollida de basura e co transporte público municipal. Lorenzo destaca que hai “moitos asuntos de cidade sobre os que dialogar, entre eles varios contratos que hai que licitar e que son dos máis importantes”.
"Non nos chamou en cinco anos e non pode esperar máis tras estes resultados que foron unha censura á forma de gobernar de Inés Rey. Porque se hoxe houbese eleccións municipais, Inés Rey non sería alcaldesa, tería só 4 concelleiros, e o PP estaría a rozar a maioría absoluta”, sinalou Miguel Lorenzo.
O Popular destaca que a planta de tratamento de residuos de Nostián leva máis de catro anos sen contrato e xa pagamos 25 millóns de euros de forma irregular. “Non se nos informou de nada a pesar de que pio dicían que ían licitar un novo por 17 anos e 334 millóns de euros, é dicir, que afectará a varios gobernos. Ademais esa licitación seguiría sen cumprir a normativa europea de reciclaxe. Agora parece ser que cambiaron estas condicións, aumentando os anos e o diñeiro, pero tampouco temos información. Do mesmo quéixase o Consorcio das Mariñas, socio imprescindible para que Nostián siga aberto. Tampouco sabemos nada sobre canto aumentará a taxa de lixo aos coruñeses e cantas prazas de aparcamento eliminará a instalación do quinto contedor”.
En canto á recollida de lixo, Lorenzo lembra que o TSXG anulou con sentenza firme a adxudicación deste contrato, feita polo goberno municipal socialista en outubro de 2020. “Por tanto pagamos xa case 40 millóns de euros en facturas irregulares debido a esta anulación e nada sabemos de se van licitar un novo ou se van ver se a outra empresa que queda na licitación pode ser adxudicataria. Non hai ningunha información a pesar de ser un contrato de 11,6 millóns de euros anuais e de que o lixo segue sen recollerse nas nosas rúas”.
Respecto ao contrato de transporte urbano, o 31 de decembro deste ano finaliza o contrato “e non sabemos nada da nova licitación. Se xa está en marcha ou non, se os pregos están listos ou non. Non temos ningunha información, como tampouco temos ningunha sobre a reclamación da concesionaria pola baixada unilateral da tarifa aprobada por Marea en 2020 e continuada polo goberno de Inés Rey ata que foi anulada polo TSXG con carácter firme. Foron catro anos de ilegalidade e a pesar de que preguntamos polo importe da indemnización varias veces, nunca se nos contestou a pesar de que falamos de varios millóns de euros”.