O PP da Coruña pide a alcaldesa "que non sexa complice" e cese a Lage Tuñas
O portavoz Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, pide a dimisión do Tenente da Alcaldesa e concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, pola realización de obras sen licenza no seu piso ubicado na Avenida do Exército.
Neste sentido, Miguel Lorenzo, apuntou este venres durante unha rolda de prensa que "Lage Tuñas ten que dimitir tras demostrarse co informe do inspector municipal de data 4 de marzo que fixo obras sen licenza sendo o responsable de urbanismo e tras mentir reiteradamente no Pleno de onte negando facelas. Non ten outra opción que dimitir se ten un mínimo de dignidade política".
O portavoz municipal e concelleiro de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, defendeu no pleno deste xoves as supostas "irregularidades" que o PP e o BNG consideran que se produciron na execución dunhas obras nun piso da súa propiedade na avenida do Exército. Unha comparecencia da que Miguel Lorenzo apuntou que: "Onte o señor Lage Tuñas tamén mentiu á Alcaldesa e agora que a Alcaldesa sabe a realidade e que sabe que mentiu e que fixo as obras sen licenza, ten que cesalo se non dimite". Ao que engadiu: “A Alcaldesa non pode consentir que o seu portavoz e concelleiro do seu goberno améntalle e engánelle. Agora que sabe toda a verdade, se a Alcaldesa non o cesa, será cómplice”.
Miguel Lorenzo sinala que Lage Tuñas mentiu as tres veces que compareceu durante a sesión plenaria: “O señor Lage dixo onte no Pleno que non había caso e eu digo que o caso acaba de comezar porque ademais de demostrarse que fixo obras sen licenza, mentiu no Pleno ao negar facelas”. Engadindo que na súa primeira intervención dixo que solicitara unha licenza “para obras que se executarán en próximas datas”; na segunda,que non se estaban executando obras e na terceira, de novo que non houbo obras.
Dende o Partido Popular ven claras as probas que confirman as mentiras do concelleiro socialista. “Onte demostramos co informe do inspector municipal de disciplina urbanística do 4 de marzo de 2024, dous días antes de que lle concedesen a licenza, que o sr. Lage Tuñas mentiu cando dixo en tres ocasiones que non se realizaron obras: fixo obras sen licenza e mesmo as acabou antes de que lla concedesen”, sinalou Miguel Lorenzo, durante a rolda de prensa celebrada este venres.
“Hai outro informe da Policía municipal do 27 de xaneiro que di que se están realizando obras de reforma sen estar concedida a licenza e que o interior está a ser reformado por completo e os obreiros están a realizar divisións con ferros de pladur”, continuou. “E hai un terceiro informe que demostra que o sr. Lage Tuñas mentiu onte: o dos funcionarios de urbanismo do 19 de xaneiro no que propoñen incoar expediente de reposición de legalidade por estar a realizar obras sen licenza e ordenan a paralización das mesmas", engadiu.
Polo tanto existe un informe municipal que confirma que mente por cada unha das tres veces que onte negou esas obras. Ademais, Lage Tuñas referiuse onte a outro informe municipal, que fixo un inspector o 19 de xaneiro que sinala que non puido entrar no inmoble porque non había ninguén. É dicir, que non puido ver o interior. “Ademais é curioso que o informe da Policía municipal do 27 de xaneiro, o informe das funcionarias de urbanismo do 19 de xaneiro e o informe do inspector municipal que confirma a realización das obras non están no expediente que nos deixaron ver. É moi grave”, concluiu.