O PP da Coruña peguntará no Pleno polo estado do cuartel da Policía Local e a previsión da construción dun novo
O Grupo Popular da Coruña vén de presentar unha batería de preguntas escritas sobre o cuartel actual da Policía municipal da cidade e das previsións para a construción dun novo.
Desde hai anos, o cuartel da rúa Tui, quedouse insuficiente para albergar en condicións a todos os axentes, as súas pertenzas e os diferentes servizos que prestan, ademais de aveños, vehículos, dispositivos informáticos e de comunicación, expedientes, informes, etc. que carecen de espazo suficiente de almacenamento.
Neste sentido, no Escano Cidadán do pasado Pleno, un axente interveu para expoñer as condicións actuais do cuartel, así como a falta de medios técnicos e persoais, entre os que se inclúen vehículos policiais.
Por iso, o Grupo Popular pide ao Goberno municipal que lle especifique as accións concretas e traballos para mellorar as actuais instalacións e cales son as previsións coas que traballa o concello para construír un novo cuartel.
Ademais, os populares reclaman ao Goberno municipal a elaboración dun novo Plan Local de Seguridade, tal e como se aprobou por unanimidade nunha moción presentada polo PP no Pleno de xaneiro, fronte os problemas de inseguridade que adoece a nosa cidade. Pasamos de 26 a 34 delitos diarios en só tres anos.
Os datos oficiais do Ministerio do Interior correspondentes ao primeiro trimestre de 2024 reflicten un aumento do 9,2% no número de delitos na nosa cidade respecto ao mesmo período do ano anterior, o triplo que a media de Galicia (+3,2%) e de España (+3,2%).