O PP da Coruña pedirá explicacións pola reclamación da cobranza atrasada do copago de axuda a domicilio de todo 2023 e parte de 2024

ACoruñaXa
Os populares sinalan que é un copagamento que o Goberno municipal socialista prometeu eliminar durante anos e que non só non o suprimiu senón que, co apoio do BNG, subiuno un 3% este ano
Imaxe do Pazo de María Pita (Casa do Concello) na Coruña
20 Xuño 2024

O Grupo Popular da Coruña informa de que preguntará á Alcaldesa no próximo Pleno por que non se pasou á cobranza o copagamento de axuda a domicilio en todo o ano 2023 e parte de 2024, que agora reclama de golpe.

Dende a formación sinalan que respecto ao servizo municipal de axuda a domicilio hai queixas desde hai tempo, tanto usuarios e as súas familias como por traballadores. A estas queixas únese agora outra polos usuarios porque estes días está a chegarlles unha carta do concello na que lles comunica que “están a regularizar a taxa do servizo de axuda a domicilio” e cando preguntan dinlles que foi un fallo informático.

O que o Concello chama regularización, é en realidade a cobranza atrasada de todo o copagamento desde xaneiro do 2023 ata marzo de 2024 porque o goberno municipal non o pasou á cobranza en tempo e forma e agora reclámalles de golpe o pago de 15 meses: todo 2023 e o primeiro trimestre de 2024. Hai usuarios aos que lles están reclamando o pago de 3.000, 4.000 ou mesmo 5.000 euros que se puxeron en contacto co Grupo Popular para denunciar esta situación.

O partido apunta que aínda que o pago póidase aprazar, a realidade é que en 2024 terán que pagar o copagamento de dous anos á vez, o do pasado e o do actual por culpa dunha neglixencia achacable unicamente ao goberno municipal. Pode haber familias que teñan dificultades para facer fronte a estes pagos acumulados.

Neste sentido, o PP pedirá explicacións á Alcaldesa no próximo Pleno sobre os motivos desta situación para saber como é posible que se poida tardar un ano en solucionar un problema informático, dando por certa a versión municipal; cantos usuarios están a recibir esta comunicación e a canto ascende o importe total reclamado por culpa do fallo do goberno municipal.

Un copagamento que indican que o Goberno municipal socialista prometeu eliminar durante anos e que non só non o suprimiu senón que, co apoio do BNG, subiuno un 3% para este ano, xunto co resto de impostos e taxas municipais.

0.12452507019043