O PP da Coruña pedirá explicacións ao Concello polos recortes nas prazas dos campamentos municipais de verán

ACoruñaXa
Sinalan que o número de prazas de campamentos de verán municipais reduciuse nun 14,5% para este ano, 1.065 prazas menos que no ano 2023
Imaxe dos campamentos e verán do Concello da Coruña
21 Maio 2024

O Grupo Popular da Coruña informa de que preguntará ao Goberno municipal polo recorte de máis de mil prazas nos campamentos programados para o verán deste ano, para os que se acaba de abrir o período de preinscrición.

En concreto, nos campamentos deportivos reduciuse á metade o número de prazas (-50%), pasando de 960 no ano 2023 a 480 para este ano. Ademais, duplicouse o seu prezo, de 25 euros a 48,18 na edición actual.

Nos Campacoles, destinado para escolares de educación Infantil e Primaria matriculados nos CEIP da cidade, a redución do número de prazas é de 585, un 32,5% menos, pasando de 1.800 o ano ás 1.215 para 2024.

Por tanto, en total reduciuse o número de prazas de campamentos de verán municipais nun 14,5%, 1.065 prazas menos, ao pasar de 7.361 en 2023 a 6.296 para o ano actual.

Os campamentos son ideais para facilitar a conciliación familiar de quen traballa durante o verán, polo que os recortes no número de prazas ou o incremento de prezos dificultan ás familias coruñesas conciliar a súa vida laboral coas vacacións dos seus fillos.

0.19308495521545