O PP da Coruña pedirá explicación no pleno á alcaldesa polas facturas irregulares de 2023 do Concello

ACoruñaXa
Os populares sinalan que estas facturas reflicten unha xestión nefasta e sen control, son gastos contraídos sen seguir a normativa e sen orzamento, algo demasiado habitual con este goberno municipal
O voceiro do PP da Coruña, Miguel Lorenzo
31 May 2024

O voceiro popular na Coruña, Miguel Lorenzo esixirá explicacións á alcaldesa, Inés Rey, ao descubrirse que o Concello ten pendentes 11 millóns de euros en facturas irregulares de 2023, que se suman aos 4,2 millóns de euros das facturas irregulares descubertas no Imce e cuxo importe total o Goberno municipal trataba de ocultar.

O dato de 11 millóns de euros pendentes está incluído no informe que elaborou o Interventor municipal para o expediente que propón pagar as facturas de festas, onde alerta de que o aforro financeiro do Concello de 2023 é de 6,2 millóns, moi inferior aos 11 millóns de facturas irregulares sen orzamento do ano pasado, “o que reflicte unha posible situación de iliquidez a curto prazo”.

Neste informe sobre as facturas irregulares do Imce por importe de 4,2 millóns de euros que esta tarde pasarán polo Consello Reitor antes de ir a Xunta de Goberno, Comisión de Facenda e Pleno, o Interventor advirte que “a súa aprobación non anula as consecuencias que poidan derivarse por comprometer gasto público sen crédito e omitindo o procedemento legalmente establecido e que a Lei de Transparencia e Bo Goberno cualifica como infracción moi grave”

O PP esixirá explicacións ao Goberno municipal porque todas estas facturas corresponden a gastos contraídos sen seguir a normativa de contratación e sen orzamento para pagalas, algo demasiado habitual con este goberno municipal.

Hai que lembrar que ademais destas facturas irregulares que se pagan mediante modificativos que pasan polo Pleno municipal, en 2022, Inés Rey bateu o record histórico do concello ao autorizar coa súa firma o pago de 1.840 facturas con reparo suspensivo do Interventor por un importe total de 31M€. Desde a súa chegada son 6.659 facturas con reparo suspensivo por un total de 131M€.

Sobre a Fachada Marítima

Doutra banda, o PP celebra a unanimidade na aprobación dos expertos que comparecerán na Comisión Especial sobre a Fachada Marítima, propostos polos Populares e o Bng, porque se trata do futuro da cidade que debemos afrontar e construír entre todos, sen présa pero sen pausa, e sobre todo con boa letra.

Os expertos que comparecerán a proposta de Partido Popular son: Pilar Parra Serano: Directora corporativa de Portos do Estado e presidenta da Comisión de Normalización Económica; Fernando Vilda Raposo: Presidente de Ausport: Asociación de Usuarios do Porto da Coruña; Juan Carlos Corrás Arias: Presidente da Lonxa da Coruña; e, Enrique Urcola Fernádez-Miranda: Decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17189502716064