O PP da Coruña insta a Inés Rey a mediar para finalizar a folga de lixo que afecta a todos os barrios da cidade
O portavoz do Grupo municipal Popular da Coruña, Miguel Lorenzo, urxe á alcaldesa, Inés Rey, a actuar fronte a folga de recollida de lixo que comezou o luns 24 de xuño e que se prolongará durante todo o verán.
“Apoiamos as decisións que tome para iso, pero ten que tomar algunha. Os barrios están a sufrir as consecuencias, co lixo sen recoller tirada pola rúa, contedores desbordados e con mal cheiro, que afecta a todos os barrios e a todos os coruñeses”, sinala Lorenzo, quen destaca que “ademais, a mala imaxe da cidade nos meses de verán, cando hai máis turistas”.
“Estamos a falar de saúde pública, dunha posible alerta sanitaria porque son os meses de verán, de calor”, alerta o Popular. Ademais de que xa hai veciños que alertan de presenza de ratas ao redor dos contedores desbordados.
Neste sentido, Lorenzo pide á alcaldesa “que medie entre traballadores e empresa para que cheguen a un acordo e que acabe esta folga canto antes” e lembra que os coruñeses pagamos este ano un 3% máis no recibo de recollida de lixo. Os coruñeses pagamos máis para que se limpe menos por un contrato que no caso de recollida de lixo non hai porque o anulou o TSXG.