O PP da Coruña esixirá no pleno do xoves que a alcaldesa poña fin a folga de recollida de lixo na cidade

ACoruñaXa
O partido sinala que logo dunha semana de folga "estamos a falar de saúde pública, dunha posible alerta sanitaria porque son os meses de verán, de calor”
Imaxe da folga de lixo na Coruña
1 Xul 2024

O Grupo Popular da Coruña presentará unha moción no seu debate e aprobación no Pleno do xoves 4 de xullo na que insta á alcaldesa a mediar de xeito inminente entre os traballadores e a empresa para que a folga de recollida de lixo finalice na cidade canto antes.

O portavoz Popular, Miguel Lorenzo, reiterou o seu apoio ás decisións que tome Inés Rey, “pero ten que tomar algunha porque os veciños claman contra a súa pasividade. Ademais de preocuparse, debe ocuparse porque nos barrios o lixo está sen recoller, tirada pola rúa, con contedores desbordados, mal cheiro, e presenza de roedores e insectos ao redor do lixo”.

O PP considera urxente a necesidade dunha mediación da Alcaldesa xa que segundo as últimas informacións, os traballadores de recollida de residuos ameazan con converter a folga en indefinida no mes de agosto, ademais de aumentar os días de paro no mes de xullo. “Estamos a falar de saúde pública, dunha posible alerta sanitaria porque son os meses de verán, de calor”, alerta.

Dende o partido sinalan que os coruñeses pagan o imposto de recollida de lixo, este ano cunha subida dun 3%, para que o Goberno municipal teña os barrios limpos e o lixo recollido. Pero a realidade é que os coruñeses pagamos máis para que se limpe menos por un contrato que en recollida de lixo non hai porque o anulou o TSXG.

 

0.1831967830658