O PP pide un modificativo orzamentario urxente para A Coruña

ACoruñaXa
Critican os recortes da prórroga orzamentaria e esixen convenios e investimentos nos barrios
Miguel Lorenzo, PP Coruña
7 Jan 2025

O PP da Coruña presentará unha moción no Pleno do 9 de xaneiro para instar ao Goberno municipal a aprobar un modificativo orzamentario que inclúa os convenios nominativos necesarios para as asociacións sociais, deportivas, educativas, culturais e comerciais, así como un plan de investimentos nos barrios.

Miguel Lorenzo, voceiro dos populares, denuncia que a prórroga orzamentaria en vigor desde o 1 de xaneiro demostra “a incapacidade do Goberno de Inés Rey para elaborar un novo orzamento acorde coas necesidades da cidade”. Esta situación, explica Lorenzo, vén motivada pola negativa do BNG a apoiar o proxecto orzamentario inicial e pola falta de diálogo do PSOE co Partido Popular.

Segundo Lorenzo, a prórroga supón unha baixada de 83 millóns de euros no gasto público, deixando sen convenios nominativos ás asociacións coruñesas de todos os sectores. “Moitas destas entidades dependen destas axudas para poder continuar coa súa actividade e mesmo para a súa supervivencia”, alerta.

Ademais, a prórroga orzamentaria tamén deixa aos barrios sen investimentos, ao eliminar 62,5 millóns de euros destinados a obras, unha cifra que se suma aos 98 millóns de euros sen executar en 2024 e aos 225 millóns acumulados nos últimos cinco anos.

“Mentres isto sucede, os impostos municipais seguen a subir, reflectindo unha falta total de planificación por parte do Goberno de Inés Rey”, critica Lorenzo. Por este motivo, o PP reclama que se leve a Pleno un modificativo que resolva estas carencias e garanta tanto os convenios nominativos como as obras necesarias nos barrios.

0.15916609764099