O PP da Coruña esixe explicacións a Inés Rey sobre o convenio co fondo suízo para o desenvolvemento urbanístico das Xubias
Máis dun mes despois da firma do convenio co fondo suízo para o desenvolvemento urbanístico en das Xubias, o Grupo Popular presentou unha pregunta oral para o próximo Pleno do día 12 de setembro. A pregunta busca aclarar por que a Alcaldesa Inés Rey mantén oculta a información sobre o acordo, sen ter contactado cos veciños afectados nin cos grupos políticos para explicar o contido do convenio.
Esta situación xerou gran inquietude entre os residentes, que están preocupados pola rapidez coa que se está tramitando o acordo, a incerteza sobre como quedará a edificabilidade en cada zona e a falta de documentación clave. Os propietarios dun pazo enteráronse pola prensa de que poderían ser expropiados, o que se percibe como unha falta de respecto e transparencia por parte do goberno municipal.
Na exposición pública do convenio faltan varios anexos importantes, así como o acordo conciliatorio entre o Concello e a anterior propietaria da parcela Astillero As Xubias, que afecta á edificabilidade de toda a zona. Ademais, pódese cuestionar se Inés Rey manterá os criterios de redución de edificabilidade aprobados na Xunta de Goberno de 2022, destinados á protección paisaxística.
O PP tamén plantexa dúbidas sobre a posible incompatibilidade de Isabel Pardo de Vera, asesora do fondo suízo e presentada pola Alcaldesa como directora do plan estratéxico municipal. Esta situación suscita interrogantes sobre o trato desigual no desenvolvemento urbanístico, xa que mentres o Concello avanza co fondo estranxeiro, frena o desenvolvemento de parcelas de empresas locais.