O PP da Coruña esixe ao Goberno local xestionar fondos directos para a vivenda

ACoruñaXa
Miguel Lorenzo reclama á alcaldesa que xestione fondos estatais para vivenda, como os 20 millóns concedidos a Barcelona
Miguel Lorenzo y Adrián Vázquez
29 Out 2024

O portavoz do Partido Popular na Coruña, Miguel Lorenzo, e o eurodeputado galego Adrián Vázquez reuníronse esta mañá para abordar cuestións de ámbito europeo que preocupan á cidade, entre elas, a situación da vivenda. No encontro, Lorenzo instou á alcaldesa, Inés Rey, a tomar medidas concretas e reais en materia de vivenda, demandando que solicite fondos directos ao Goberno central, similar á axuda de 20 millóns de euros outorgada recentemente a Barcelona para vivenda social.

Lorenzo subliñou a necesidade urxente de abordar o problema habitacional, que considera está a provocar a migración dos mozos da cidade, estimando en 16.000 o número deles que tiveron que marcharse no últimos cinco anos. “A alcaldesa presume de boa relación co Ministerio de Vivenda, así que lle pedimos que xestione tamén eses fondos directos para A Coruña,” sinalou o portavoz, quen criticou que o Concello non teña un plan de vivenda definido e presente atrasos na tramitación de licenzas e axudas para rehabilitación e accesibilidade.

Pola súa banda, Vázquez apuntou as diferenzas entre a xestión autonómica e a municipal neste ámbito. Destacou que a Xunta investirá 100 millóns de euros en vivenda en Galicia en 2025, dos cales 15 millóns están destinados á Coruña, con medidas que inclúen a redución de burocracia e bonificacións fiscais. “A Xunta está a promover vivendas en Xuxán con fondos propios e europeos, mentres que o Concello non conta cun plan claro e limítase a encomiar ao Goberno central, que desalienta o investimento e prioriza a protección de okupas sobre propietarios”, criticou Vázquez.

Lorenzo tamén valorou positivamente o investimento autonómico en Xuxán, onde a Xunta entregou xa 40 vivendas e ten outros proxectos en marcha para un total de 1.000 vivendas públicas na zona, con fondos tanto propios como europeos. Fronte a esta actividade, destacou que os proxectos municipais, como o edificio de Marqués de Pontejos ou o de Xuxán, levan anos de atraso.

O eurodeputado galego resaltou ademais a novidade de que a Comisión Europea contará cun comisario específico para vivenda, encargado de xestionar os fondos de cohesión para impulsar a oferta de vivendas e dar asistencia técnica a municipios como A Coruña, buscando igualar as políticas exitosas doutras cidades.

0.19138312339783