O PP da Coruña esixe a Inés Rey revisar os criterios das becas comedor tras o recorte do 21% para o próximo curso

ACoruñaXa
A formación critica a redución das becas comedor e pide a Inés Rey que explique os criterios de concesión
Imaxe recurso dun comedor escolar
20 Ago 2024

O Partido Popular da Coruña manifestou a súa preocupación pola decisión da alcaldesa Inés Rey de reducir significativamente o número de becas comedor concedidas para o próximo curso escolar, despois de que se denegaran 2.633 solicitudes.

O recorte afectou notablemente á cantidade de axudas concedidas, que descendeu un 21% en comparación co curso pasado. Se o ano anterior o Concello aprobou un total de 2.943 becas, para este ano só se concederon 2.313, o que representa 630 axudas menos. Este drástico recorte chega nun momento no que a demanda de becas comedor está en aumento, debido á crecente dependencia das familias deste tipo de apoio para garantir unha alimentación adecuada aos seus fillos durante a xornada escolar.

Ademais da redución na concesión de becas, tamén resulta alarmante o elevado porcentaxe de solicitudes denegadas. Concretamente, este ano foron rexeitadas 2.633 das 4.946 solicitudes presentadas, o que supón un 53% do total, superando o número de solicitudes aprobadas.

Este dobre recorte nas axudas compromete a igualdade de oportunidades e afecta directamente ao benestar das familias e dos menores. Por esta razón, o PP presentou unha batería de preguntas escritas para solicitar explicacións sobre os criterios empregados na concesión das becas e as causas detrás deste recorte substancial. O partido tamén insta ao goberno municipal a revisar e reconsiderar estes criterios, co fin de asegurar que todas as familias que realmente o precisan poidan acceder a este apoio esencial.

0.18784403800964