O PP da Coruña denuncia que o Concello pon en risco a existencia do Consorcio de Turismo
O Grupo Popular da Coruña, a través do seu concelleiro Gonzalo Moura, votou en contra do orzamento para 2024 do Consorcio de Turismo, na sesión celebrada este venres, por insuficiente ao supoñer o turismo na nosa cidade unha parte moi relevante do seu motor económico por toda a actividade que xera e os actores aos que implica. O Goberno municipal socialista votou a favor na Xunta celebrada esta mañá e que non se reunía desde o mes de abril de 2023.
O orzamento para Turismo inclúe un recorte do 16,7% no gasto, o que supón 720.000 euros menos que o do exercicio anterior, a pesar de que, cun orzamento maior, en 2022 houbo un déficit de -577.327,78 euros e que en 2023 foi de -105.614,69 euros. O Interventor do Consorcio reflicte no seu informe que “tal situación pódese repetir e agravar para 2024”.
A achega municipal diminúe en 500.000 euros a pesar de ser o orzamento do concello máis alto da historia da cidade, tal e como denunciamos na aprobación do mesmo, e, respecto diso, o interventor advirte que “a transferencia prevista para o Consorcio no orzamento municipal para 2024 reduce, de novo en 500.000 euros a principal fonte de financiamento. Diso derivarase a dificultade para manter os propios gastos ordinarios do Consorcio, que deberán reconsiderarse nos que non sexan xa legalmente esixibles e que deberán aplicarse e reterse preferentemente e do que se deriva #ante a baixa producida no Capítulo II da práctica imposibilidade de acometer novos contratos de promoción da cidade e conectividade aérea”.
Os populares denuncian que a esta situación de abandono únese que desde hai dous meses o Consorcio atópase descabezado da súa principal figura xestora pola renuncia do seu Xerente. Gonzalo Moura preguntou esta mañá pola convocatoria da praza, confirmándose que non hai previsión de data.