O PP da Coruña denuncia o custo para os coruñeses do retraso nas obras do Centro Cívico do Birloque
O Grupo Popular da Coruña denuncia que o atraso aprobado pola alcaldesa Inés Rey na reforma do Centro Cívico de O Birloque custaraa aos coruñeses uns 480.000 euros, e ademais triplica o prazo de execución das obras.
Dende o partido sinalan que o Goberno municipal adxudicou as obras en 2022 por un importe de 785.150 euros, dos que un máximo de 412.000 euros corresponderían a fondos europeos, que financiarían un 80% das certificacións de obra aprobadas ao 31 de decembro de 2023. Nesa data só se xustificaron 95.776 euros, polo que a subvención europea é de 76.600 euros (80% de 95.776 euros).
Por tanto, indican os populares que o Goberno municipal perdeu 335.400 euros de fondos europeos (412.000 euros-76.600 euro) polo atraso da obra que agora terá que achegar de fondos propios.
Ademais, durante a execución da obra aprobouse un modificado que supuxo un sobrecusto de 144.309 euros tamén asumidos polo concello, o que eleva o desvío de gasto que haberá que asumir con fondos municipais nesta obra a un total de 480.000 euros.
Doutra banda, sinalan que a acta de reformulo desta actuación asinouse en decembro de 2022 cun prazo de execución de 6 meses, polo que o fin das obras acordouse para o 16 de xuño de 2023. Tras unha primeira ampliación dun mes, a Xunta de Goberno extraordinaria e urxente do pasado 14 de marzo aprobou unha nova prórroga de execución ata o 31 de maio. Por tanto, os seis meses de prazo iniciais triplícanse ata case 18 meses.