O PP da Coruña denuncia a insuficiencia no orzamento das Bezas Comedor
O Grupo Popular da Coruña anunciou que presentará alegacións ao modificativo M4, aprobado onte cos votos a favor de PSOE e BNG, para solicitar unha ampliación do orzamento destinado ás Bezas Comedor. A situación é especialmente grave segundo Miguel Lorenzo, quen destacou que “é inadmisible que Inés Rey deixe a máis de 700 nenos sen Beza Comedor por falta de fondos, a pesar de que teñen dereito a ela, mentres se destinan 80.000 euros a pagar caterings”.
Lorenzo denuncia que o modificativo M4 reflicte as prioridades erradas do goberno municipal, ao incluír máis de 80.000 euros para pagar caterings de 2022 e 2023, ao tempo que deixa sen axuda a máis de 700 nenos que cumpre cos requisitos para recibir a Beza Comedor. A raíz desta denuncia, o goberno municipal ampliou a partida de Bezas Comedor en 120.000 euros, pero Lorenzo considera que esta cantidade é “insuficiente, xa que só permitiría conceder menos de 200 axudas e quedarían sen beca máis de 500 menores”.
Con esta ampliación, que se suma ás aproximadamente 2.350 bezas concedidas con importe medio mensual de entre 80-90 euros, só se cubrirían aproximadamente 170 bezas adicionais. Lorenzo criticou que, a pesar de que Inés Rey rectifica cando segue as propostas do PP, neste caso non fixo unha corrección adecuada. “Debería ter ampliado a partida en polo menos 550.000 euros para garantir que todos os máis de 700 menores que teñen dereito á Beza a reciban”.
Sobre o convenio de As Xubias, Lorenzo cuestionou que fará Inés Rey para cumprir a moción que solicita a súa suspensión. Preguntou por que non se dialogou coa veciñanza e a oposición antes de asinar o convenio, dado que Lage Tuñas indicou no Pleno que legalmente non se pode suspender.
O portavoz do PP tamén criticou a falta de transparencia no proceso de modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) de 2013, afirmando que a edificabilidade incluída foi determinada por un API firmado en 2008 polo goberno municipal socialista. O PP considera que non se levou ao Pleno a modificación do PGOM desde 2022 como parte dunha estratexia conxunta entre o goberno municipal e un fondo de inversión estranxeiro para evitar reducir a edificabilidade en determinados terrenos.
O Partido Popular reitera o seu compromiso de defender aos veciños fronte á falta de transparencia e especulación do goberno municipal.