O PP da Coruña denuncia a inacción de Inés Rey e o perigo para o futuro do Consorcio de Música
O Grupo Popular criticou a falta de interese da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, por manter un proxecto cultural único en Galicia e referente nacional como o Consorcio de Promoción da Música. As cifras revelan a mala xestión deste Concello no sector cultural da cidade.
A xuntanza da Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música, convocada onte, puxo de manifesto a falta de liquidez para pagar o alugueiro do Palacio da Ópera, onde ensaia e actúa a Orquestra Sinfónica de Galicia. O interventor municipal advertiu no seu informe que “non hai crédito suficiente no 2024 para afrontar o pagamento dos meses que quedan polo alugueiro do Palacio da Ópera”.
O informe orzamentario para 2024 amosa unha situación preocupante. Con un orzamento total de 10,17 millóns de euros, xa se comprometeron 7,7 millóns para gastos de persoal e 2,3 millóns para gastos correntes, deixando ao Consorcio sen marxe. De non adoptarse medidas, o saldo negativo do ano anterior aumentará.
O informe do interventor tamén alerta sobre as posibles consecuencias de non tomar medidas adecuadas: “De non adoptar as medidas anteriores, non só incumprirán as normas financeiras de aplicación, senón que a facenda do Consorcio seguirá tendo graves dificultades para cumprir coas súas obrigas cos acreedores e provedores e incluso pode chegar a ter problemas para o pagamento das nóminas”.
En canto ao recoñecemento extraxudicial de crédito, o PP cuestiona os procedementos seguidos, sinalando que se realizou un contrato sen ter orzamento e incumprindo os procesos de contratación. O PP insiste en que este tipo de práctica debería ser excepcional, non habitual, e compara a situación co caso do IMCE, onde se presentou un modificativo para pagar facturas irregulares de festas de 2023 por importe de 4,2 millóns de euros.
Ademais, o PP tamén denunciou o estado do Palacio da Ópera, que presenta goteras e problemas de mantemento a pesar de acoller a unha das orquestras máis importantes de España e custar un millón de euros aos coruñeses cada ano.
O Grupo Popular reitera que a política cultural do goberno municipal é inexistente. Non hai un proxecto firme para unha cidade que foi un referente cultural durante moitos anos, nin un plan cultural máis aló de concertos, tampouco un programa de mantemento para as infraestruturas dunha institución que é patrimonio de todos os coruñeses.