O PP da Coruña denuncia a falta de transparencia de Inés Rey con respecto ao caso de Lage Tuñas

ACoruñaXa
Os concelleiros Populares detectaron que no expediente de disciplina urbanística existía un informe no que se facía referencia a outro de técnicos municipais, que non estaba incluído, que é o que propón incoar reposición de legalidade fronte a Lage Tuñas por realizar obras sen licenza, ademais de ordenar a súa paralización
Miguel Lorenzo PP Coruña
5 Abr 2024

O Grupo Popular da Coruña denuncia unha nova falta de transparencia por parte da alcaldesa Inés Rey, que non permite que podan ver o informe crave realizado por técnicos municipais que propón sancionar ao responsable da área de Urbanismo, José Manuel Lage Tuñas, por realizar obras sen licenza nun inmoble da súa propiedade.

Neste sentido, os concelleiros Populares detectaron o pasado martes, último día para consultar os expedientes, que no expediente de disciplina urbanística aberto tras denuncia dun veciño existía un informe no que se facía referencia a outro de técnicos municipais no que se propón incoar expediente de reposición de legalidade fronte a Lage Tuñas por realizar obras sen licenza, ademais da paralización das mesmas ou multa se non o facía, e anotalo no rexistro da propiedade.

O PP solicitou ver ese informe, asinado electronicamente o 19 de xaneiro de 2024 por unha técnico de Urbanismo e unha Xefa de Departamento, e sinalan que onte comunicouselles desde a Alcaldía, vía telefónica, que non tiñan dereito a velo porque ao non incoarse a reposición de legalidade por decisión da Directora de Área, denuncian dende o partido que nomeada a dedo polo Goberno municipal, ese informe xa non estaba incluído no expediente de disciplina urbanística.

Neste informe, ademais, os técnicos municipais poñen en dúbida o certificado emitido por un arquitecto de Lugo en 2021 que recolle que ese inmoble ten uso residencial desde 2014, xa que os funcionarios consideran que do estudo da documentación achegada nos expedientes de comunicacións previas e solicitude de licenza compróbase que nunca tivo ese uso residencial.

Dende o partido popular apuntan que este exemplo de falta de transparencia únese á decisión de Inés Rey de non facilitarlles copias dos expedientes á oposición ás cales teñen dereito, e á falta doutros documentos detectada polos Populares como o informe da Policía municipal que certifica que se estaban realizando obras sen licenza no mes de xaneiro de 2024. Este informe foi incorporado ao expediente tras a queixa dos concelleiros do PP pola súa ausencia xa que se facía referencia a el noutros documentos.

0.19771099090576