O PP da Coruña demanda medidas de apoio ao comercio local da cidade

ACoruñaXa
Piden activar o Programa “Colle o Testigo” para comerciantes próximos á xubilación e que no teñan sucesión, para que novos emprendedores poidan coller o relevo da empresa, fondo de comercio e coñecementos
O voceiro do PP da Coruña, Miguel Lorenzo
5 Xuño 2024

O Grupo Popular da Coruña rexistrou unha moción para a súa aprobación no Pleno deste xoves con medidas de apoio ao comercio local para a súa consolidación así como ao mantemento e creación de emprego que xera este sector económico na nosa cidade.

Con todo, en 2024 o Goberno municipal non só non aumenta o apoio ao noso comercio senón que o reduce. No orzamento recortan en 50.000 euros o Plan de Dinamización Comercial e diminúen en 20.000 euros o convenio coa FUCC.

O voceiro popular, Miguel Lorenzo, propón poñer en marcha, acordado coas asociacións de comerciantes, unha nova campaña de bonos desconto para realizar compras en comercios locais que axuden a dinamizar o consumo nos establecementos dos barrios.

Os populares piden tamén activar o Programa 'Colle o Testigo' para comerciantes próximos á xubilación e que non teñan sucesión, a través do que novos emprendedores poidan coller a testemuña da súa empresa, do seu fondo de comercio e dos seus coñecementos, mediante un rexistro de locais na devandita situación, axudas a contratación e cotas de seguridade social, formación etc.

Incrementar a presenza policial, así como mellorar limpeza, iluminación, beirarrúas, pasos de peóns e mobiliario urbano nas rúas comerciais e ofrecer alternativas de aparcamento e máis frecuencia no transporte público para acceder as zonas comerciais da cidade.

A iniciativa tamén insta a facilitar o crecemento dos negocios locais e a implementación de novos establecementos que diversifiquen a oferta comercial da cidade con medidas para incentivar a contratación e para axilizar os trámites burocráticos e as licenzas municipais.

0.18679404258728