O PP da Coruña critica a baixa inversión do Goberno local no mantemento das vías públicas
O Grupo Popular da Coruña critica que o Goberno municipal dedique a manter o pavimento das vías públicas pouco máis de 1 de cada 5 euros que ingresa polo imposto de circulación que cobra aos condutores coruñeses.
Neste sentido, sinalan que a previsión de ingresos para 2024 por este imposto (IVTM) ascende a 11,5 millóns de euros e para acondicionar os viais de circulación e reparar as fochancas destinará este ano só 2,6 millóns de euros, correspondentes ao contrato de mantemento en vigor ata febreiro de 2025, segundo recoñece resposta a pregunta escrita formulada polos Populares no pasado Pleno.
Deste xeito, sinalan que a porcentaxe destinada a reparar o pavimento será dun 22,6% do ingresado polo imposto, que ademais sufriu un incremento este ano e atópase entre os máis caros das cidades galegas.
Esta porcentaxe diminúe ata o 13,7% se se ten en conta tamén o diñeiro que ingresa o concello por multas de circulación, cunha previsión de ingresos para este ano de 7,5 millóns de euros. A suma da recadación de ingresos é de 19 millóns de euros (imposto circulación + multas de circulación) por só 2,6 millóns para reparacións.
Dende o partido, denuncian que as rúas da cidade necesitan reparacións urxentes polo seu mal estado, tal e como recoñecen tanto condutores particulares como profesionais (autobuses, taxis, reparticións, etc). É practicamente imposible conducir pola cidade sen atoparse unha rúa con fochancas, problemas de pavimentación ou directamente buracos de grandes dimensións.