O PP da Coruña convocará á comisión de transparencia polos expedientes da avda. Exército 96 1

ACoruñaXa
O viceportavoz Popular sinala que “no día a día todo son dificultades para que a oposición poida exercer as súas funcións, o cal xa denunciamos ao longo deste mandato en diversos plenos e nestes días xa suscitou tamén as queixas dos seus socios de goberno”
Imaxe de Roberto Rodríguez, viceportavoz do PP da Coruña
27 Mar 2024

O viceportavoz popular no Concello da Coruña, Roberto Rodríguez, sinalou este mércores que o seu partido pensa convocar á comisión de transparencia polo caso de irregularidades cos expedientes do inmoble na Avenida do Exército 96 1. Ademais, sinala que o Goberno local fai cada vez máis difícil que a oposición poida exercer as súas funcións.

“No día a día todo son dificultades para que a oposición poida exercer as súas funcións, o cal xa denunciamos ao longo deste mandato en diversos plenos e nestes días xa suscitou tamén as queixas dos seus socios de goberno”, apuntou Roberto Rodríguez. Ao que engadiu: "Vímonos obrigados este mesmo mes para levar unha queixa ante a Valedora do Pobo, que xa foi admitida a trámite, pola reiteración na denegación de acceso a distintos expedientes. O que nós solicitamos é copia, porque temos dereito, e o que se nos concede é acceso, ir consultalos en presenza dun funcionario municipal sen poder obter copias nin ningún tipo de documento gráfico".

Pola súa banda, no referido ao caso dos expedientes da Avenida do Exército 96 1º o popular afirmou que se pode falar de irregularidades nunha dobre perspectiva: as xa contrastadas na forma e as de fondo. “Isto lémbranos a outros pisitos, o asunto que xa se coñece como os pisitos do señor Lage lémbranos a outros que houbo nesta cidade, os que tivo o señor Ferrreiro e parace que agora tamén a señora Inés Rey. Primeiro coa Marea Atántica apoiada polo PSOE e agora o PSOE apoiado polo Bloque”, apuntou.

En canto ás formas e transparencia no acceso a estes expedientes, o PP denuncia que a opacidade da alcaldesa Inés Rey alcanzou un novo fito. "O pasado día 12 de marzo solicitamos por primeira vez, á vista de informacións publicadas, a copia de 4 expedientes así como de calquera que tivese relación coas obras que se ocultaban no devandito inmoble. Transcorrido o prazo legal de 5 días sen contestación a lei di que non se nos denega o acceso, e o 19 de marzo reiteramos esa solicitude”, sinalou Roberto Rodríguez.

“Como vén sendo habitual contéstasenos denegándonos cópiaa pero facilitándonos acceso, indícasenos que poderemos consultar o expediente o luns, martes e mércores desta semana. Non só non se nos dá a copia, deses tres días impedíuselle ao Partido Popular poder acceder ao expediente dous deles ”, dixo o viceportavoz popular.

En cambio denuncian que :“O luns, á hora sinalada para ir consultar o expediente dísenos que non sen darnos ningunha razón e onte a última hora da mañá notifícannos que hoxe tampouco podemos acceder, ao non haber ningún funcionario dispoñible para que podamos realizar o noso labor de fiscalización”, explica.

“Onte, representantes do Grupo Popular constatan que hai un documento ao que se fai referencia no expediente pero que non figura no mesmo, o informe policial realizado pola Policía municipal. Advertida esta circunstancia aparece ese documento ao cuarto de hora. É o informe que acredita que nese inmoble, propiedade do señor Lage, estaban a realizarse obras sen contar con licenza. É o responsable último da área de urbanismo desta cidade.”

Roberto Rodríguez afirma sentir vergoña por haber tido que asinar como viceportavoz do Grupo Popular esta mesma mañá de mércores unha nova petición de copia do expediente, onde tivo que facer constar a esixencia do PP de que esa copia veña asinada por un funcionario ou autoridade competente que certifique que é unha copia íntegra do expediente.

“Unha vez concluamos esta análise faremos públicas nosas conclusións e as iniciativas que como consecuencia das mesmas imos emprender. A primeira delas a convocatoria da Comisión de Transparencia para abordar a forma na cal se está dificultando que a oposición, neste expediente e con carácter xeral, realice o seu labor", concluíu Roberto.

0.076095104217529