O PP da Coruña califica de “insultante” o desconto de 1,5 euros na taxa do lixo trala folga do verán

ACoruñaXa
Miguel Lorenzo acusa a Inés Rey de menosprezar o sufrimento veciñal polos meses de lixo acumulado, malos cheiros e contedores queimados
Imaxe de Miguel Lorenzo
15 Nov 2024

O voceiro do Grupo Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, criticou duramente a proposta da alcaldesa Inés Rey de aplicar unha redución de 1,5 euros na taxa do lixo correspondente ao segundo trimestre de 2025, cualificándoa de "falta de respecto" cara á cidadanía. Segundo Lorenzo, este desconto é insuficiente para compensar as consecuencias da folga de recollida de lixo que durante case dous meses deixou as rúas cheas de residuos, xerando unha crise de salubridade e convivencia.

O desconto anunciado pola alcaldesa consistiría nunha redución do 10% na taxa trimestral, aprobada previamente cun incremento do 3%. Esta rebaixa tradúcese en cantidades que oscilan entre os 1,51 e os 1,72 euros por vivenda, dependendo da categoría da rúa. "É insultante que a alcaldesa considere que esta ínfima redución compensa meses de malos olores, ratas, mosquitos, contedores incendiados, coches danados e fachadas queimadas. Os coruñeses pagamos por un servizo que non se prestou e seguimos sen contrato de recollida tras a anulación polo TSXG", afirmou Lorenzo.

O líder popular tamén acusou a Inés Rey de actuar "tarde e mal" en cada fase da crise, desde a tardanza na declaración da emerxencia sanitaria ata a falta de respostas efectivas durante a folga. "Agora intenta maquillar a súa inacción cun desconto simbólico que non aborda as necesidades reais nin repara o dano causado pola súa xestión", engadiu.

Desde o PP sinalan que, ademais dos prexuízos causados á veciñanza, a folga afectou gravemente a comerciantes e hostaleiros, que tiveron que lidiar con contornas insalubres que afugentaron á clientela. A formación esixe que se poñan en marcha medidas máis ambiciosas para compensar estes danos e que se garanta un servizo de recollida de lixo eficaz no futuro.

Finalmente, Miguel Lorenzo instou ao goberno municipal a actuar con maior responsabilidade e a ofrecer solucións reais aos problemas da cidade. "Os coruñeses merecen un Concello que estea á altura das súas necesidades, non un que propoña solucións cosméticas para tapar os erros continuos na súa xestión", concluíu.

0.12997698783875