O PP da Coruña apunta que a conxelación dos impostos “é insuficiente” para compensar a subida de 2024

ACoruñaXa
O portavoz Miguel Lorenzo insiste en que debería reducirse a presión fiscal para aliviar á veciñanza ante a perda de poder adquisitivo
Imaxe de Miguel Lorenzo este evnres 4 de outubro
8 Nov 2024

O portavoz do Grupo Popular da Coruña, Miguel Lorenzo, valorou a decisión do goberno municipal de conxelar os impostos para 2025, cualificándoa de “insuficiente” para paliar os efectos da subida impositiva aplicada en 2024. Lorenzo sinalou que, a pesar de que se trata dun paso na dirección correcta, “o que realmente necesitan os coruñeses é unha baixada que compense a alza innecesaria deste ano”, en lugar de limitarse a unha conxelación que, segundo el, non soluciona o problema orixinado.

Lorenzo explicou que a suba de 2024 chegou nun contexto económico difícil para moitas familias, afectadas pola inflación e o aumento dos custos de hipotecas e alugueiros. "Para 2025, tocaría baixar os impostos para axudar ás familias que loitan por chegar a fin de mes”, afirmou o portavoz, engadindo que a conxelación proposta polo goberno local chega “un ano tarde” e que o Concello debería tomar medidas máis drásticas para protexer o poder adquisitivo da cidadanía.

O portavoz popular tamén recordou que, malia que o orzamento de 2024 foi anunciado como o “máis expansivo” en recadación, o goberno de Inés Rey deixou sen executar máis de 101 millóns de euros en investimentos para os barrios e recortou partidas fundamentais para o benestar social, como as subvencións para rehabilitación de vivendas, axudas de Renda Social e programas educativos. Esta falta de execución levou tamén a que máis de 700 nenos con dereito quedaran sen Beca Comedor por falta de fondos, situación que o Grupo Popular considera "inxustificable".

O PP pide accións máis concretas e acusa de inacción ao goberno local

En canto ás súas propias propostas, Lorenzo sinalou que, das 600 medidas presentadas polo PP para os orzamentos de 2024, só dúas foron atendidas, incluíndo a recente decisión de conxelación de impostos. “O ano pasado pedimos que se conxelasen os impostos, e tacháronnos de populistas. Hoxe, con esta medida, o goberno municipal dá a razón ao Partido Popular”, afirmou Lorenzo, quen rematou pedindo un cambio de rumbo nas políticas fiscais para adaptarse realmente ás necesidades dos coruñeses.

0.19881200790405