O PP da Coruña amosa preocupación polo futuro da cidade
O Grupo Popular amosa a súa preocupación pola fuxida cara a adiante de Inés Rey ao centrarse en falar de futuro cando non é capaz de xestionar o presente. “O futuro depende do que facemos no presente e preocupa moito o futuro da cidade vendo que quedou acreditada a súa manifesta incapacidade para xestionar o presente. A velocidade de cruceiro da que fala o goberno municipal só aplícaa para conceder licenzas urbanísticas ao concelleiro de Urbanismo”, sinala Miguel Lorenzo.
Dende a formaicón afirman que hai claros exemplos como o porto, onde sinalan que non hai un liderado municipal para abordar o futuro dos terreos e a Alcaldesa perdeu a súa credibilidade ao incumprir a súa propia palabra; a Cidade das TIC, cuxa sociedade de xestión está sen crear seis meses despois da súa aprobación; o modelo de xestión está sen definir e non hai plan director; ou a Aesia, da que non hai data para a súa posta en marcha.
Respecto a contratación, sinalan que moitos dos principais contratos da cidade están sen licitar a pesar de que finalizaron, por exemplo Nostián, sobre o que presentaron unha pregunta oral no Pleno de maio porque leva máis de catro anos sen contrato e non hai acordo co Consorcio das Mariñas; ou instalacións deportivas, xa que todas están sen contrato desde hai anos, como o Club de Golf (7 anos), San Diego (4), Castrillón (1) ou a piscina do Club do Mar (1).
Tampouco estará adxudicado en tempo e forma o novo contrato do bus urbano. No Pleno de maio aprobouse unha moción presentada polo Partido Popular para que expliquen como está a licitación porque non hai noticias a pesar de que o actual acaba a final de ano e hai pendentes reclamacións millonarias da empresa (máis de 14 millóns de euros). Polo pouco que se coñece, o novo contrato non estará adxudicado polo menos ata dentro de dous anos, no mellor dos casos, porque aínda van licitar a redacción dos pregos. Entre Marea e Psoe gastáronse 1 millón de euros en estudos para que o novo contrato non estea ata 2026 como pronto.
O Goberno municipal tampouco adoptou ningunha medida sobre outros temas que preocupan na actualidade como vivenda (na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a segunda prórroga para o edificio municipal na rúa Pontejos e non hai noticias sobre o edificio en Xuxán dentro do acordo do edificio Conde de Fenosa) ou inseguridade, a pesar de ser un grave problema que ten á nosa cidade como a de maior número de delitos de Galicia