O PP da Coruña acusa ao Goberno local de inacción fronte aos problemas en San Andrés

ACoruñaXa
O grupo popular trasladou a situación de deterioro social e de convivencia que denuncian veciños e comerciantes
Miguel Lorenzo PP Coruña
14 Apr 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular na Coruña instou ao executivo de Inés Rey a actuar con urxencia diante da situación de deterioro social que denuncian veciños e comerciantes na contorna da rúa San Andrés, especialmente na zona próxima á Igrexa Castrense, onde se teñen producido episodios de conflito relacionados con persoas en situación de exclusión social.

O voceiro popular, Miguel Lorenzo, criticou que o Goberno local continúe anunciando solucións "nos próximos días" sen que, segundo el, se produzan avances reais. “Inés Rey leva tempo prometendo respostas, pero os problemas seguen sen resolverse, como xa ocorre tamén coas queixas polo ruído na Casa Veeduría”, sinalou Lorenzo, quen tamén cuestionou a visibilidade actual dos servizos sociais municipais na cidade.

Desde o PP coruñés alertan de que a falta de políticas sociais activas e os recortes aplicados este ano están a agravar a situación. En concreto, denuncian unha rebaixa de 400.000 euros na partida de emerxencia social, 800.000 euros na Renda Social Municipal e máis de 300.000 euros nas bolsas comedor. “Se se reduce o orzamento nos programas dirixidos ás persoas sen fogar, e as entidades que traballan neste eido tardan oito ou nove meses en cobrar os convenios, é evidente que faltan recursos e coordinación”, indicou Lorenzo.

O PP considera que a recente apertura da renovada rúa San Andrés debería ir acompañada dunha actuación integral que garanta a convivencia e o apoio ás persoas en situación de vulnerabilidade. “Estase a cargar todo sobre os ombreiros da veciñanza e do pequeno comercio. O Concello debe deixar de recortar e poñer en marcha os protocolos sociais que xa existen para atender estas situacións”, concluíu Lorenzo.

⚙ Configurar cookies
0.16131091117859